Escoitar

Aprobado un gasto de 430.000 euros para completar o saneamento de Zamáns

O Concello deu hoxe luns un paso máis para completar o saneamento de Zamáns, ao que destinará un orzamento adicional de case 430.000 euros. O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, lembrou que estas obras son "unha vella reivindicación" da parroquia.

luns, 10 xul 2006
1152533738xunta100706.jpg
A Xunta de Goberno aprobou hoxe luns o modificado do Proxecto de Saneamento no Rural de Vigo-Parroquia de Zamáns. Este modificado redactouno Consulting e Enxeñería, co obxecto de definir e valorar as obras necesarias de dotación de saneamento no rural.

Reparación de beirarrúas

Tamén na área de Vías e Obras, o Goberno local deu o visto bo ao Proxecto de Reparación Xeral de Beirarrúas do termo municipal, autorizando un gasto máximo de 180.000 euros con cargo ao orzamento de 2006. Polo mesmo acordo quedou convocado o concurso para a selección do contratista.

Outro proceso licitatorio convocado hoxe luns foi o da contratación da asistencia técnica de colaboración na xestión do Centro de Artesanía Tradicional e da Casa do Cesteiro. O contrato, por valor de algo máis de 74.000 euros, terá unha duración de dous anos.

Persoal

Así mesmo, foi aprobada unha reestruturación da Área de Mobilidade, Seguridade, Tráfico e Transportes, que inclúe, entre outros cambios, o da Xefatura do Servizo de Extinción de Incendios, que pasará a desempeñar Juan Comesaña, e a Xefatura de Mobilidade, que pasa de Carmen Pintado a Ramón Fernández Liñares.

Ademais, a Xunta de Goberno acordou asignar unha gratificación de 66.000 euros por servizos especiais e extraordinarios ao persoal de doce servizos e departamentos municipais, que son: Extinción de Incendios; Montes, Parques e Xardíns; Policía Local; Parque Móbil; Parque Central; Vías e Obras; Inspección de Vías e Obras; Desinfección; Conserxería; Alcaldía; Museo, e Oficina Supervisora de Proxectos e Inspección Técnica de Obras.

Esta gratificación corresponde a horas extras realizadas nos períodos de decembro de 2005 a abril de 2006 e de xaneiro a maio deste ano.

Patrimonio Arqueolóxico

Finalmente, o concelleiro Ignacio López-Chaves presentou o acordo da Xunta de Goberno de destinar 21.000 euros á contratación dunha asistencia técnica para a creación, coordinación e xestión do programa municipal de interpretación e divulgación do patrimonio arqueolóxico de Vigo. O prazo do contrato será de un ano e o seu pagamento farase efectivo en dúas anualidades, a primeira en 2006 e a última en 2007.
Descargar todas as imaxes