Escoitar

Novo paso no saneamento de Bembrive, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Saiáns

O Proxecto de Saneamento das Parroquias de Bembrive, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Saiáns deu hoxe luns un paso máis coa aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da súa separata número 1, que conta cun orzamento base de licitación de 584.000 euros e unha valoración de expropiacións por outros 91.000.

luns, 3 xul 2006
Este proxecto, que supón así un investimento total IVE excluído de máis de 675.000 euros, contempla as obras necesarias para a posta en servizo de determinados colectores, cuxa construcción quedou interrompida durante a execución das obras de ampliación do saneamento na zona rural do termo municipal.

Na súa primeira separata, o proxecto non contempla, á parte de tres colectores xa executados, o denominado BP-1, correspondente ao saneamento do Pavillón Polideportivo de Bembrive. En cambio, mantéñense os colectores que necesitan a tramitación das expropiacións.

A separata número 2 inclúe as obras do colector destinado ao saneamento do citado pavillón, que non requiren expropiación, co fin de poder axilizar a súa execución. Nesta segunda separata contémplanse ademais as obras necesarias para dotar este pavillón de abastecemento de auga, que non estaban inicialmente previstas.

Por outra parte, a Xunta de Goberno autorizou un gasto de 550.000 para a subministración de tres vehículos para o servizo de extinción de incendios. Destes tres vehículos, un é de rescate e salvemento, outro de rescate acuático e o outro é un todoterreo 4x4.