Escoitar

A investigación mariña ten a partir de hoxe venres un novo centro en Toralla

O edificio da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla-ECIMAT foi inaugurado hoxe venres, nun acto ao que asistiron a alcaldesa, Corina Porro, o reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.

venres, 16 xuñ 2006
1150458586toralla160606.jpg
Organizada como unha construción modular de cinco pezas, a estación dotará a Vigo dunha infraestrutura centralizada de investigacións en temas mariños, como parte da aposta da Universidade pola potenciación deste ámbito de coñecemento. O centro conta cun pantalán de baixo calado, ademais de laboratorios húmidos nas plantas altas, mentres que nas baixas haberá instalacións de mergullo, laboratorios de procesado de mostraxes e estancias comúns.

Baixo cubertas de aluminio, os módulos simulan ondas do mar, co que o edificio se integra na paisaxe, servindo de contrapunto a outras construcións existentes. A preocupación polo medio mariño farase efectiva coa prevista recuperación do perfil orixinal da illa, desbotando o recheo. Deste xeito, no que é unha iniciativa pioneira en Galicia, eliminaranse 50.000 metros cúbicos de terra e entullos para recuperar a zona gañada ao mar hai trinta anos. A finalidade desta medida é acadar o amparo efectivo dos hábitats, o rápido restablecemento dos mesmos e promover a creación dunha reserva oceánica.

A ECIMAT divídese en tres unidades específicas dedicadas aos cultivos, ao medio mariño e a actividades subacuáticas. Os investigadores que desenvolvan o seu traballo neste centro poderán beneficiarse do uso de auga mariña en diferentes estados de pureza e a diferentes temperaturas, grazas a unha toma profunda situada a oito metros da superficie.
Descargar todas as imaxes