Escoitar

Todo a punto para o inicio do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

O Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons comeza mañá xoves coa actuación no Centro Cultural Caixanova dos portugueses Maria Joao e Mário Laginha, acompañados pola Orquestra Clássica de Espinho. Ata o 2 de xullo, o jazz feito desde unha perspectiva máis europea soará nos teatros, auditorios, locais e rúas da cidade.

mércores, 14 xuñ 2006
1150290411jazzjazz.jpg
Maria Joao e Mário Laginha
Imaxina Sons é un proxecto municipal cun orzamento de 400.000 euros ao que contribúen Caixanova, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Este festival xorde como resposta á necesidade de contemplar a realidade do jazz actual no ámbito máis próximo, tanto xeográfica como culturalmente. Deste xeito, o festival de Vigo pretende encher un espazo baleiro nos festivais de jazz en España: a perspectiva máis europea do noso jazz, cunha visión que mostre a auténtica actualidade desta música á marxe de condicionantes comerciais, cubrindo así unha demanda cultural patente na cidade de Vigo e no resto de Galicia.

Como principais novidades, Imaxina Sons contará este ano cunha maior variedade de estilos de jazz, e ofrecerá actuacións para o público familiar, como o "Pequejazz" que terá lugar o 1 de xullo no Auditorio Municipal. Ademais, nesta segunda edición do Festival haberá unha maior presenza de bandas viguesas e participará, como plataforma que se pretende consolidar dentro do Festival, a Imaxina Jazz Orquestra, un conxunto formado por músicos galegos nado para levar, posteriormente, o jazz da nosa comunidade ao resto de España.

Imaxina Sons desenvolverase ata o 2 de xuño a través de múltiplas actividades:

- Concertos en teatros e auditorios (Centro Cultural Caixanova, Auditorio Municipal, Conservatorio...).
- Jazz na rúa: actuacións ao aire libre na praza da Estrela e pasarrúas polas principais zonas peonís da cidade.
- Actuacións nocturnas en locais.
- Exposicións, mesas redondas, debates, conferencias, master-class, etc.

Maria Joao e Mário Laginha

A primeira actuación do Festival, mañá xoves a partir das 22:00 no Centro Cultural Caixanova, correrá a cargo de Maria Joao e Mário Laginha, acompañados pola Orquestra Clássica de Espinho.

De pai portugués e nai mozambicana, Maria João é, se cadra, a voz máis versátil e persoal do vello continente, a pesar de ter descuberto de forma tardía a súa afección pola música e o seu enorme potencial como vocalista. O primeiro empuxón, no seu Portugal natal, chegoulle co éxito da súa participación no Festival de Jazz de Cascais en 1985, ano no que tamén sería premiada no Festival de Jazz de San Sebastián.

Familiarizada co universo do standard e coas grandes cantantes norteamericanas, a súa oportunidade para penetrar en territorios de maior liberdade e improvisación habíalle chegar da man da pianista xaponesa Aki Takase, coa que estivo de xira durante cinco anos, rexistrando ademais dous discos. Á súa volta a Portugal, a lisboeta conxugará os seus coñecementos do dicionario clásico e popular (Ella Fitzgerald, Billie Holiday, Elis Regina…) cunha habilidade innata para a improvisación e para a técnica do scat.

No grupo Cal Viva entraría en contacto co pianista Mario Laginha, co que dende 1994 traballa en numerosos proxectos acadando o grao de entendemento que perseguía. A súa colaboración en 2001 con Joe Zawinul elevou aínda máis o seu prestixio a nivel internacional. Maria João é unha artista con facultades vocais extraordinarias e unha acentuada teatralidade que lle permite transmutarse en múltiples personaxes con voces e rexistros sorprendentes. Nos seus directos fai gala dese poderío vocal con grande imaxinación e expresividade formal.

Orquestra Clássica de Espinho

Xurdida ao abeiro da EPME (Escola Profissional de Música de Espinho), fundada en 1989, a OCE acadou numerosos éxitos en Portugal e nas súas numerosas saídas ó estranxeiro, entre as que destacan as de Düsseldorf, Bruchsal, Aberdeen, Murcia, São Paulo, Brasilia ou Rio de Janeiro. Co mestre Cesário Costa como director artístico, a orquestra aborda repertorios variados pero tamén lles dá cabida ás composicións dos autores portugueses. Cómpre destacar tamén a xuventude dos membros desta orquestra, o que supón un importante recoñecemento para as súas carreiras profesionais.

Os prezos para a actuación inaugural do Festival de Jazz de Vigo son de 12 euros, para o patio de butacas; 11, para o primeiro anfiteatro; 10, para o segundo, e 9, para o terceiro.
Descargar todas as imaxes