Escoitar

A Gran Travesía pola Ría de Vigo terá lugar o 24 e 25 deste mes

Por cuarto ano consecutivo, o Club Montañeiros Celtas, en colaboración co Concello de Vigo, organiza a Gran Travesía pola Ría de Vigo, unha proba deportiva que combina kaiak de mar, espeleoloxía, escalada, montañismo, natación e bici de montaña. Será o sábado 24 e o domingo 25 de xuño.

mércores, 14 xuñ 2006
1150288970travesiaponte.JPG
Esta actividade ten carácter non competitivo e está aberta á participación dos socios do Club Montañeiros Celtas e dos que non o son. Así, segundo anunciou hoxe mércores Sechu López, de Montañeiros Celtas, entre os 40 atletas que se espera participen na Travesía haberá xente de Vilagarcía, Nigrán, Redondela, Cangas "e posiblemente da Coruña e de Ourense". Esta cifra non será maior porque o refuxio onde os participantes pasarán a noite do 24 ao 25 só ten capacidade para 40 persoas. Con todo, esta participación superaría a do ano pasado, cando saíron desde a praia do Vao 30 persoas, das cales finalmente 14 chegaron á meta.

A Travesía partirá da praia do Vao (Coruxo, Vigo) o sábado 24 ás 9:30. Os participantes terán que cubrir en kaiak de mar a distancia de 13 kilómetros desta primeira proba pasando previamente por Samil (ata Cabo de Mar), cruzando a ría e bordeando a outra beira desde o faro de Punta Borneira ata a praia de Melide, cerca de Cabo Home (Cangas).

Despois de desembarcaren neste punto, os multiatletas achegaranse, en 20 minutos, á Furna do Lago, onde se fará a actividade de espeleoloxía. De seguido farán a pé un percorrido de dous kilómetros ata a zona de escalada do Facho, en Donón, onde escalarán unha vía fácil. Finalizada esta actividade, comerán.

Posteriormente dará comezo unha marcha de montaña de 31 kilómetros desde Donón ata o Faro de Domaio (Moaña). Polo camiño, os participantes pasarán por Nerga, Liméns, seguirán en dirección aos montes de Varalonga, Outeiro da Raposa, Alto da Portela (onde merendarán), monte Ermelo, monte Paralaia, Chans de Botas, Alto Do Cruceiro (Pastoriza) e o monte Xaxán. No Faro de Domaio, de 622 metros de altura, o grupo de camiñantes ceará e pasará a noite descansando nun refuxio da súa marcha de sete horas.

O domingo 25, despois de almorzaren ás 7:30, os participantes descenderán a pé desde Domaio ata a ponte de Rande (9 km). Sobre as 10:00 inciarán o cruce da ría a nado (800 m), polo estreito de Rande, pasando por Punta Aradoiro (San Adrián de Cobres) e a praia de Rande (Chapela).

A proba final consistirá nun percorrido de 49 kilómetros en bicicleta de montaña desde Rande ata o monte Aloia. Despois de saíren de Rande ás 11:30, os ciclistas pasarán por vixiador (onde haberá un segundo almorzo), a serra do Galiñeiro e o monte Aloia, onde chegarán arredor das 16:00. No refuxio do monte Aloia, os participantes terán unha comida.

Requisitos e inscrición

Os participantes deberán ser maiores de idade, ter práctica en kaiak de mar, saber nadar e ter capacidade para realizar unha travesía de 800 metros no mar e ter coñecementos de escalada. O material necesario inclúe un kaiak de mar (a organización facilitará o seu aluguer aos que o soliciten), unha bici de montaña e casco e un traxe de neopreno para nadar (non se permiten aletas). O material de escalada e de espeleoloxía, así como o gorro de baño, serán achegados por Montañeiros Celtas.

A información e reserva de prazas poden realizarse na oficina de Montañeiros Celtas (Camelias, 78, oficina K, tel.: 986 42 85 05, fax: 986 91 22 20, e-mail: info@celtas.net), de martes a venres, de 19:00 a 21:30, ata o 21 de xuño ou ata que se cubran as prazas. O prezo da inscrición é de 37 euros para os socios de Montañeiros Celtas e de 48 para os que non o son. Os que teñan licenza das federacións de montañismo, espeleoloxía ou actividades subacuáticas terán un desconto de 5 euros.
1150288970travesiaponte.JPG
1150288990travesiabici.jpg
1150289003travesiakayak.JPG
Descargar todas as imaxes