Escoitar

Fotografías de oito artistas novos esperan "1.000 palabras" na Casa Galega da Cultura

Traballos fotográficos non documentais de oito artistas novos, estudantes de Belas Artes no campus de Pontevedra entre os anos 2000 e 2005, conforman a exposición "Esperando1000palabras", que se poderá visitar na Casa Galega da Cultura do 8 ao 18 de xuño.

martes, 6 xuñ 2006
1149598093santijimenezperdidos.jpg
Fotografía de Santi Jiménez
Esta proposta expositiva vén dada pola intersección de tres planos: por unha banda, a citada condición obxectiva de que todos os participantes comparten o mesmo ámbito formativo e unha liña de produción situada no terreo da fotografía non documental. A esta condición sómase a máis xeral da situación das propostas fotográficas. Así, nestes traballos reflíctese a conciencia crítica do medio no contexto contemporáneo, posterior ao profundo labor deconstructivo da linguaxe fotográfica nos anos 80 e a esmagadora implantación da fotografía dixital a partir dos 90. Para rematar, a estas dúas coordenadas de carácter xeral únese a dirección particular de cada unha das propostas que aquí se presentan.

No espazo definido por estes tres vectores, a exposición formula, como punto de vista desde o que contemplar calquera destes planos, a hipótese de que as imaxes non poden conter significado ou mensaxes propios. Esta proposta non pretende ser unha interpretación imposta senón unha ferramenta de interpretación que dea unidade ás propostas concretas.

Toda lectura da imaxe fotográfica depende dun texto, dun discurso previo ou posterior á imaxe pero sempre alleo a ela. A interpretación enche o espazo baleiro e neutro da imaxe.
O espectador-lector-escritor é quen constrúe o significado da fotografía, proxectando sobre ela discursos xa coñecidos ou construíndo sobre ela novos discursos con pezas coñecidas.
A imaxe fotográfica vale o que valen as mil palabras que se escriben sobre, arredor de ou por riba dela.

É o espectador quen ha de poñer esas mil palabras que a imaxe fotográfica agarda.
A hipótese proposta achega unha clave de lectura válida para o traballo de todos os autores que participan en "Esperando1000palabras". De todas as obras seleccionadas pode facerse unha lectura-escritura sobre a imaxe fotográfica. Trampa tautolóxica? Poida que si, poida que haxa unha trampa de fondo en todos os discursos teóricos.

Os oito novos artistas que participan nesta exposición son Andrea Costas, Jorge Couceiro, Victoria Diehl, Raquel Durán, Fran Herbello, Silvia Herrera, Santi Jiménez e Silvia Omil.

O horario da mostra é de 18:00 a 21:30 horas, de luns a venres; de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30, os sábados, e de 11:00 a 14:00, os domingos.

"Esperando1000palabras" é parte da programación conxunta de exposicións que se realizan ao abeiro do convenio entre o Concello e a Universidade de Vigo. Esta mostra é a segunda programada en 2006. A anterior foi "XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN. PARA HOMENAXEarte. 34 artistas".
1149598093santijimenezperdidos.jpg
1149598137victoriadiehlmedussa2006.jpg
1149598164silviaherrerasalamanca.jpg
Descargar todas as imaxes