Escoitar

A Universidade edita un libro sobre a realidade socioeconómica de Vigo

Baixo o título "Vigo, unha empresa e moito máis", a Escola Universitaria de Estudos Empresariais vén de editar unha publicación na que se recollen as ideas manexadas durante un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre a realidade socioeconómica de Vigo, celebrado nese centro o pasado mes de abril.

mércores, 15 feb 2006
1140008764librovigo.jpeg
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), entre os asuntos que centraron as ditas conferencias figuran a análise da Zona Franca como axencia de desenvolvemento local, a innovación empresarial como dinamizadora económica e social e a influencia exercida polos traballadores nun grupo de empresas. As conferencias foron impartidas por profesores da Escola Universitaria de Estudos Empresariais con ampla traxectoria docente en áreas de empresa.

Ademais, a publicación inclúe as opinións expresadas nas mesas redondas sobre o papel do emprego como indicador socioeconómico, a función estratéxica do transporte e das vías de comunicación ou a formación dos titulados en relación ao mundo empresarial galego ante o reto do Espazo Europeo de Educación Superior.

De acordo co DUVI, nos documentos presentados no libro faise un repaso ás estratexias en que deberá basearse un sistema produtivo competente para a área metropolitana, analízanse os criterios que utilizan as empresas para contrataren os seus traballadores e mesmo se bota unha ollada aos cambios previstos no sistema educativo universitario.

No curso que deu orixe a esta publicación estiveron presentes, entre outros, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro; o delegado da Zona Franca de Vigo, Francisco López Peña; o xerente da Cámara de Comercio de Vigo, Xosé Manuel García; o responsable de Formación e Recursos Humanos de Caixanova, Rubén Martínez; o director xeral de Innovación da Xunta, Pedro Merino; os concelleiros Mauricio Ruiz, Xabier Toba e Manoel Soto; e o director da Fundación da Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, Bernardo Parajó Calvo.
Descargar todas as imaxes