Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado contará cunha maior oferta formativa este ano

A Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) ofrece en 2006 un Plan de Formación máis amplo có do ano pasado, con cinco cursos básicos e catro específicos. Ademais, mantéñense os cursos para técnicos de voluntariado das entidades que colaboran coa Oficina.

martes, 14 feb 2006
1139923677lucia140206.jpg
A concelleira delegada Lucía Molares
A concelleira delegada do servizo de Voluntariado, Lucía Molares, afirmou hoxe martes durante a presentación do Plan de Formación para 2006 que "nos interesa que haxa cada vez máis voluntarios cunha formación de máis calidade". Molares calcula que os cursos para voluntarios deste ano poden reunir 400 alumnos, fronte aos 253 de 2005, grazas ao aumento da oferta formativa, tanto básica como específica.

Así, os Cursos de Formación Básica para Persoas Voluntarias pasan dos tres do ano pasado a cinco en 2006, realizándose o primeiro destes os días 20 e 21 do presente mes de febreiro. Facer este curso é indispensable para toda persoa voluntaria, xa que constitúe o punto de partida para a súa incorporación ao mundo do voluntariado. A formación básica, destinada, segundo Molares, a "calquera cidadán", é o contexto en que se enmarca a acción do voluntario, ao aclararlle as razóns e as funcións da súa tarefa.

O paso seguinte é a Formación Específica para Persoas Voluntarias. Dentro deste ámbito, a OMV ofrece este ano un curso sobre discapacidade, outro sobre medio ambiente e dous de servizos sociais. Estes catro cursos, cun total de oito horas cada un, diríxense a todas as persoas que superen o curso básico de voluntariado e queiran afondar nas áreas concretas en que intervirán como voluntarios.

Ademais, por primeira vez haberá outro nivel de formación, a través do cal se incidirá en temáticas moito máis concretas e específicas, dotando os voluntarios de ferramentas para que poidan desenvolver o seu labor correctamente. Entre estas temáticas figurarán as habilidades sociais, as dinámicas de grupo, o traballo en equipo, as técnicas de resolución de conflictos e os primeiros auxilios.

Noutro nivel, o Plan de Formación inclúe tres cursos para os técnicos de voluntariado das entidades que colaboran coa Oficina Municipal. Son estes: "A comunicación nas Entidades de Acción Voluntaria", "A motivación do voluntariado" e "Programación de proxectos de voluntariado".

Así mesmo, ao longo do ano estableceranse sesións de seguimento cos propios voluntarios e coas entidades. O obxectivo é que estes encontros sirvan de termómetro para medir o sentir do voluntariado da OMV. Con este fin incorporaranse sistemas de avaliación continua.

Actualmente hai unhas 400 persoas rexistradas como voluntarios na Oficina Municipal de Voluntariado. O número de entidades colaboradoras ascende a 60. Para iscribirse como voluntario pódese acudir a ou contactar por carta coa OMV (Praza do Rei, s/n, 36202 – Vigo), ou por medio do teléfono (986 81 02 13), fax (986 43 36 36), correo electrónico (ofi.voluntariado@vigo.org), ou ben a través do portal do voluntariado (www.cidadansvigo.org/voluntariado).
Descargar todas as imaxes