Escoitar

Corina Porro e o Club Financiero demandan maiores investimentos do Estado en Vigo

Máis investimentos para as grandes infraestruturas. Isto é o que reclamaron a alcaldesa, Corina Porro, e o presidente do Club Financiero de Vigo, Juan Ramón Güell, despois da reunión de traballo que mantiveron hoxe mércores na Casa do Concello.

mércores, 25 xan 2006
1138196854clubfinanc250106.jpg
Corina Porro mantivo hoxe mércores unha reunión coa xunta directiva do Club Financiero de Vigo para tratar "temas fundamentais" para o futuro da cidade, como as ampliacións do Aeroporto e do Porto e a entrada do AVE. Á saída do encontro, a alcaldesa demandou "moitos máis investimentos" para Vigo, cidade "moitas veces maltratada" a pesar de ter "os mellores traballadores e empresarios" de Galicia e ser "a que máis achega ao conxunto da Comunidade Autónoma".

Na mesma liña, Juan Ramón Güell afirmou que os empresarios vigueses "estamos preocupados" porque "se están a promover mellores alternativas no noso contorno". Segundo o presidente do Club Finaciero, a escasez de investimentos en Vigo pode ter "consecuencias negativas a medio prazo", xa que "perderemos competitividade" e "os empresarios marcharán a outro sitio".

No que respecta ao Aeroporto de Peinador, Corina Porro asegurou que "falta un maior compromiso" por parte do Goberno, opinión que secundou Juan Ramón Güell ao afirmar que os investimentos previstos nos Orzamentos Xerais de 2006 para esta infraestrutura "son moi pequenos". Actualmente o Concello está a manter conversas con AENA para dotar o Aeroporto de máis espazo e horarios máis amplos.

Canto ao Porto, Corina Porro lembrou o acordo de todos os grupos políticos do Concello para que creza "na dirección necesaria", mentres Juan Ramón Güell cualificaba de "vital" a súa ampliación. Neste sentido, a alcaldesa queixouse do trato discriminatorio que, ao seu ver, o Porto de Vigo está a recibir con respecto ao da Coruña.

Ademais, Corina Porro afirmou que os Orzamentos Xerais non contemplan o investimento necesario para que o AVE que chegue a Vigo o faga "en condicións" e sexa competitivo. Pola súa parte, o presidente do Club Financiero lamentou o "retraso" desta infraestutura e resumiu o seu parecer asegurando que "cos vigueses ése moi agarrado".

Por todo isto, a alcaldesa propuxo que os vigueses "sexamos unha soa voz ante todas as administracións" e prognosticou que "Vigo avanzará e prosperará se a administración vai da man de todos os axentes sociais". Neste sentido, Juan Ramón Güell afirmou que a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Cámara de Comercio e o Club Financiero "defendemos o mesmo", polo que o Goberno municipal pode contar co seu apoio.
Descargar todas as imaxes