Escoitar

A Xunta de Goberno aproba unha axuda de 120.000 euros para rehabilitar fachadas no Casco Vello

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns un proxecto de convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio do Casco Vello para a rehabilitación de fachadas e cubertas nesa zona da cidade. O Concello financiará este programa cunha achega de 120.000 euros.

luns, 19 dec 2005
1135001551xunta191205.jpg
O convenio ten por obxecto financiar un programa de axudas para o tratamento de fachadas, paredes medianeiras, cubertas e elementos singulares dos inmobles de interese histórico, arquitectónico ou paisaxístico da Área de Rehabilitación do Casco Vello. Deste xeito, o Concello compensará economicamente a carga engadida que para os propietarios dos inmobles supoñen os distintos graos de catalogación, logrando a mellora da imaxe urbana e o valor desta zona histórica da cidade. A vixencia do convenio comezará o día da súa sinatura e estenderase ata o 31 de decembro de 2006.

O Consorcio do Casco Vello comprométese a actuar en calidade de xestor, promovendo as actuacións, determinado un procedemento de distribución dos recursos que asegure os principios de obxectividade, concorrencia e publicidade. Ademais, garantirá a transparencia das actuacións administrativas e xestionará e canalizará as axudas procedentes do Concello.

Subvencións

Por outra parte, na Xunta de Goberno Local de hoxe luns deuse conta da concesión de dúas subvencións por parte da Consellaría de Traballo. A primeira, duns 37.500 euros, destinarase á prorroga dos contratos de tres técnicas locais de emprego. A segunda, por valor de 79.000 euros, servirá para financiar o programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas da violencia de xénero.

Ademais, a Xunta de Goberno Local outorgoulle á entidade deportiva "Atlántica de Matamá" unha subvención de 1.000 para a organización do seu torneo de fútbol 7 de Nadal.
Descargar todas as imaxes