Escoitar
Bando<br /> Mobilidade e Seguridade

Bando de tráfico co gallo das festas do Nadal

Co fin de facilitar a circulación no centro da cidade, debido á maior afluencia de persoas e vehículos, co gallo das festas do Nadal, faise necesario o establecemento das seguintes medidas provisorias:

venres, 9 dec 2005
Na zona urbana interior ao arco delimitado polas rúas: Doutor Corbal, Bos Aires, Travesía de Vigo, Aragón, Jenaro de la Fuente, Avda. Martínez Garrido, Estación de Autobuses, Avda. arquitecto Palacios, Avda. Castrelos, Avda. Portanet, Avda. Citroën, circunvalación Oeste ata Bouzas, establécense as seguintes restriccións:

1.- As obras de canalizacións para servicios de saneamento, auga, electricidade, gas e telecomunicacións que se están a executar na vía pública deberán quedar rematadas ás 24,00 horas do venres día 16 de decembro de 2005. As empresas responsables delas estarán obrigadas a repoñer o pavimento e a sinalización para deixar expedita a libre circulación de persoas e vehículos, polo que terán que retirar casetas, valos, materiais de obra e maquinaria, coa limpeza de calzada e beirarrúas nas rúas e espacios públicos afectados.

2.- Asemade, na zona urbana interior ao arco delimitado polas rúas:
Isaac Peral, Doutor Canoa, Travesía de Vigo, Pizarro, Gran Vía e Coruña non se autorizarán colectores de obra, sacos de residuos ou calquer outro acopio de materiais na vía pública.
Os colectores de obra, sacos de residuos ou calquer outro acopio de materiais na vía pública deberán ser retirados antes das 24,00 horas do venres día 16 de decembro de 2005. As empresas responsables deles estarán obrigadas a retiralos, coa limpeza de calzada e beirarrúas nas rúas e espacios públicos afectados

3.- Os traballos, que por atoparse no prazo de execución autorizado teñan que suspenderse nestas datas, poderán reanudarse a partir das 08,00 horas do vindeiro luns día 09 de xaneiro de 2006.

4.- Asemade, dende as 00,00 horas do sábado día 17 de decembro de 2005 ata as 08,00 horas do luns día 09 de xaneiro de 2006, prohíbese a realización de calquera outra obra ou traballo que afecte á vía pública, tanto na calzada como nas beirarrúas, salvo autorización expresa por parte desta Alcaldía.

5.- Todos os traballos de mantemento e reparación urxente nas vías ou servizos públicos que o requiran durante estes días, poderán realizarse entre as 21,00 horas e as 09,00 horas do día seguinte, trala autorización expedida pola Alcaldía e anuncio público.

6.- Durante as datas anteditas unicamente poderán ser atendidas, sen limitación de horarios, as emerxencias ou avarías que revistan carácter de urxencia. Cumprirá darlle coñecemento destas, cando se produza, á Policía Local, cando menos telefonicamente e deberase presentar no Concello, a través do seu Rexistro Xeral, e dentro das 48 horas seguintes, un dictame xustificativo da urxencia e alcance da avaría, subscrito polo técnico competente responsable da obra ou instalación afectada.

7.- As obras en curso na actualidade, e que non poidan ser rematadas na data indicada do 16 de decembro, terán que manter expedito o paso por elas e o seu entorno, durante o período do Nadal, así como garantir unha correcta sinalización para o tráfico e seguridade viaria de persoas e vehículos, repoñéndoa á súa costa se se deteriorase por calquera motivo ou incidencia.

8.- Lémbrase tamén que están obrigadas todas as empresas constructoras a retirar da vía pública todos os materiais, taboleiros, valos, maquinaria, etc., dos edificios en construcción que non dispoñan dunha autorización expresa.

9.- O incumprimento destas normas dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador e imposición da multa na contía máxima establecida na vixente lexislación de réxime local, así como á inmediata paralización das que se inicien, sen prexuízo de calquera outra medida que proceda adoptar.