Escoitar
"Vigo a escena" busca a recuperación do Auditorio Municipal e a continuidade

O Concello estuda a creación dun Teatro Municipal

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, reuniuse con técnicos municipais, o arquitecto municipal e o coordinador da programación teatral do Concello para estudar a conversión do actual Auditorio Municipal nun Teatro Municipal.

venres, 7 out 2005
1128688530auditorioteatro.jpeg
Actuación do grupo de teatro Trasnada no Auditorio
O Departamento de Cultura, que xa anunciou na rolda de prensa de presentación do calendario de "Vigo a escena" que se estaba traballando no tema, quere determinar os requisitos técnicos que esixiría esa obra e o seu custo económico.

Entre as medidas que se estudarán están a de ampliar o fondo do escenario, mellorar a visión dos espectadores da sala e modificar a cabina de proxección e os equipamentos técnicos. O estudo requerirá previamente unha análise da estrutura do Auditorio para determinar o posible aumento da altura do escenario.

Con isto, o Departamento de Cultura quere converter esta sala no lugar de desenvolvemento dunha programación municipal de música, teatro e danza de carácter estable.

Actuación no Auditorio

Doutra parte, o próximo domingo 9, ás 12:00, o Auditorio Municipal será o escenario da actuación que desenvolverá a compañía A Loca-motora, no marco do circuito teatral por barrios "Vigo a escena". A actuación está dirixida a un público infantil e familiar e fará subir a escena dúas actrices, Eva Vila e Zezilia Meléndrez, especialistas en contar contos.

Na obra, dúas divertidas maquinistas conducen unha locomotora descarrilada coa cal viaxan percorrendo un mundo real e imaxinario. Desta aventura xorden historias, contos, cancións, sons e anécdotas que van enchendo o tren de pequenos obxectos e lembranzas. A través destes obxectos, as maquinistas comparten co público os momentos máis especiais da sua longa travesía.

"Vigo a escena"

Ao igual que no período anterior do "Vigo a escena", este circuíto teatral organizado polo departamento de Cultura do Concello de Vigo desenvolve un apartado especial para o Auditorio do Concello no mes de outubro. Esta planificación, que se verá incrementada no 2006, ten como obxectivo a recuperación do Auditorio Municipal como protagonista da programación cultural do Concello, polo que a seguinte actuación nese lugar será o sábado 15 de outubro ás 20:00 coa compañía teatral Fulano, Mengano e Citano.

Un dos obxectivos básicos deste circuíto é a estabilidade, polo que o departamento de Cultura da Concellaría de Asuntos Sociais xa está planificando toda a programación anual para o 2006, o que facilita enormemente o labor tanto das propias compañías viguesas como das entidades receptoras.

Segundo o concelleiro Ignacio López-Chaves, un dos grandes obxectivos desta iniciativa é o de apoiar, difundir e potenciar a programación municipal das artes escénicas na cidade de Vigo, mediante a organización de programacións ao longo de todo o ano con carácter estable.

Así, desenvólvese o Festival Alternativo de Teatro no mes de marzo, tres semanas de programación teatral realizadas no verán, tanto para adultos como para o público infantil e familiar, e compleméntase ao longo do resto do ano co circuíto teatral por barrios "Vigo a escena".

Este circuíto, que durará ata decembro, tense convertido co paso dos anos nunha verdadeira rede municipal de teatro na cidade, experiencia única en toda Galicia. A programación integra 39 actuacións a cargo de once compañías viguesas, sete con espectáculos para adultos (Máscara, Sísifo, Avento, Aforo, Disque Danza, Fulano, Mengano e Citano e The Pinga) e catro para público familiar (Artello, Pablo Nojes e Páprika, Spaghetti Títeres e A Loca-Motora).

As actuacións abarcan practicamente todo o termo municipal, pasando por barrios tales como Teis, Travesas, Matamá, Cabral, Navia, San Xoán Poulo, Valadares, Bembrive, Beade, Castrelos, Saiáns e Comesaña. Nesta ocasión auméntase ademais dous recintos inéditos ata agora como son o Liceo Marítimo de Bouzas e o salón de actos do Real Clube Náutico.
Descargar todas as imaxes