Escoitar

PP e BNG rexeitan a proposta socialista de destinar máis solo a vivendas de protección pública

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo rexeitou hoxe xoves unha moción do PSdeG-PSOE na cal se demandaba a incorporación ao Plan Xeral dunha reserva do 25% da edificafilidade residencial para contruír vivendas de protección pública. PP e BNG votaron en contra argumentando que isto retrasaría a tramitación do PXOM.

xoves, 6 out 2005
1128606017xeren0610.jpg
Na defensa da moción dos socialistas, Mauricio Ruiz referiuse á futura Lei do Solo estatal anunciada pola ministra da Vivenda, que de ser aprobada "obrigará as comunidades autónomas a reservar un mínimo do 25% do solo para vivendas de protección oficial".

Segundo expuxo Ruiz, esta medida xa foi superada por algunhas figuras de planeamento urbanístico, adoptadas en comunidades autónomas como Aragón e Andalucía e por concellos como San Sebastián e Santiago. O Plan Xeral que se está a tramitar nesta cidade, por exemplo, garante que un 38% das 35.000 novas vivendas previstas sexa de protección pública.

O concelleiro do PSdeG-PSOE afirmou que "chama a atención que en Vigo se limite (esta porcentaxe) ao mínimo legal" do 20%. Por iso, e "como medida de consenso", propuxo a inclusión dunha reserva do 25% no PXOM, sinalando ademais que "esta medida non suporía paralizar o proceso de aprobación", xa que só requeriría "axustes técnicos" e non comportaría, dixo, ningunha outra exposición pública.

No entanto, o representante do PP, José Manuel Figueroa, asegurou que a aprobación da proposta socialista "pode producir un retraso na tramitación do PXOM" de entre cinco a sete meses, e que o seu grupo quere "sacalo adiante nos seus prazos" porque o considera "necesario para o desenvolvemento" de Vigo. Figueroa engadiu que o lugar máis apropiado para presentar esta moción é a Comisión de Seguimento.

Pola súa parte, Xabier Toba, do BNG, definiu a proposta defendida polo PSdeG-PSOE como un "intento de retrasar o Plan Xeral". Á suposta manobra dos socialistas, Toba contrapuxo a necesidade de non "quedar parados agardando modificacións legais". Neste mesmo sentido, lembrou que a reserva do 20% recollida no PXOM que se está a tramitar "foi debatida hai tres anos" e acordada "por todos os grupos".

En representación do PG, Manoel Soto xustificou a súa abstención criticando o PSdeG-PSOE por poñer a súa moción enriba da mesa "de súpeto". Soto recomendou deixala en suspenso para estudala "con vagar".
Descargar todas as imaxes