Escoitar

A Mostra de Voluntariado ofrece unha fin de semana solidaria

A Mostra de Voluntariado da Cidade de Vigo, que terá lugar nos centros comerciais Plaza Elíptica e Travesía o venres 7 e o sábado 8 deste mes, achegará aos que a visiten un panorama dos servizos que ofrecen a Oficina Municipal de Voluntariado e as asociacións que colaboran con ela.

mércores, 5 out 2005
1128516969volumostra0510.jpg
A Mostra contará cunha zona de paneis por medio dos cales as entidades participantes poderán informar a cidadanía sobre as actividades solidarias que desenvolven e a maneira de colaborar con elas. Ademais, as asociacións de voluntariado daranse a coñecer a través de actividades tales como un slálom de accesibilidade, a interpretación de soños e diversos obradoiros.

Así, os que acudan ao centro comercial Travesía o venres 7 poderán aprticipar no slálom de accesibilidade e en obradoiros de malabares e de sexo seguro, así como divertirse co guiñol da asociación Down Vigo. O mesmo día, no centro comercial Plaza Elíptica, haberá obradoiros de colgantes e de coiro e poderase asistir a unha actuación de clowns. Por outra parte, en ambos os lugares realizarase interpretación de soños.

O sábado 8, o centro comercial Travesía acollerá os obradoiros de maquillaxe, papiroflexia e coiro, ademais do organizado pola Asociación de Persoas Xordas e que leva por título "Ponte no seu lugar". Tamén se desenvolverá aquí a actividade "Preparando o Nadal" e haberá unha actuación de clowns e un guiñol. Entre tanto, no centro comercial Plaza Elíptica terán lugar un novo slálom de accesibilidade, obradoiros de malabares, maquillaxe, colgantes e papiroflexia e unha actuación de clowns. Así mesmo, durante toda a tarde, nos dous centros, desenvolverase o obradoiro "O pergamiño dos desexos".

Ademais de todas estas actividades, a Mostra de Voluntariado contará cunha programación permanente con animación, zancudos, malabaristas, actuacións improvisadas e proxeccións audiovisuais.

Esta Mostra nace coa intención de dar resposta á demanda das entidades inscritas como colaboradoras da Oficina Municipal De Voluntariado e enmárcase nas diversas liñas estratéxicas do Plan do Voluntariado de Galicia. Estas liñas son as de promocionar a participación activa da cidadanía na acción voluntaria, capacitar as persoas voluntarias para desenvolveren as súas actividades e, por último, propiciar o encontro e o intercambio de experiencias entre asociacións, de modo que poidan actuar conxuntamente.
Descargar todas as imaxes