Escoitar

O Jazzoutono traerá a Vigo dúas propostas innovadoras desde terras catalanas

Tres locais de Vigo, o Verbum Jazz, o Quomo e o Manteca, acollerán a partir desta semana o ciclo Jazzoutono, no que van participar, nunha sorte de intercambio musical, os grupos cataláns Lavid, Jacob & Scab, por unha parte, e The Funklab Quartet, pola outra.

martes, 4 out 2005
1128432356Pict0264.jpg
Segundo o coordinador do evento, o músico vigués Alberto Conde, a filosofía do Jazzoutono consiste en "achegar ao público algúns dos proxectos máis avanzados de dous grupos cataláns unidos pola estética común da fusión".

Jazzoutono, considerado polo concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, como unha boa ocasión para disfrutar do jazz "tamén nos pubs", é froito da colaboración establecida a través de Alberto Conde co prestixioso circuíto catalán de jazz "Ressons". Esta relación permite o intercambio de formacións musicais galegas e catalanas co obxectivo de dar lugar a unha programación estable durante todo o ano. Jazzoutono conta cunha axuda do Concello de 5.000 euros.

Os concertos comezarán o xoves 6 de outubro na sala Quomo, con entrada libre, da man de Lavib, Jacob & Scab, un conxunto que Alberto Conde define como "de ritmos étnicos e tradicionais, pero que escapa dos cánons do jazz clásico". O mesmo grupo actuará no Verbum Jazz Café ao día seguinte, acompañado das bailarinas de Nomad Dance. O prezo das entradas será nesta ocasión de 8 euros.

Por último, The Funklab Quartet pechará o Jazzoutono o sábado 19 de novembro. Os que queiran comprobar por que Alberto Conde os definiu como "precusores de novas músicas" poderán facelo acudindo á sala Manteca Jazz, por cinco euros.

Tanto a sala Manteca Jazz como a Quomo participaron no Festival Internacional de Jazz "Imaxina Sons" do pasado mes de xuño. Agora, o Verbum Jazz Café sómase para completar este Jazzoutono coa intención de darlle continuidade no programa de 2006.
Descargar todas as imaxes