Escoitar

Adxudicada a remodelación de beirarrúas na Travesía de Vigo por 741.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación de obras como a remodelación de beirarrúas na Travesía de Vigo, as melloras en González Sierra e as reparacións na iluminación pública. Tamén recibiu o seu visto bo un convenio de colaboración co Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo.

martes, 13 set 2005
1126613449mercantil.jpg
Edificio do Mercantil
A Xunta de Goberno Local aprobou onte luns a adxudicación á empresa Indeza S.L. da remodelación de beirarrúas e outras melloras na Travesía de Vigo, por un prezo de contratación de 741.402,40 euros.

Outra adxudicación aprobada é a do concurso para a execución de obras na rúa González Sierra, polo prezo de 364.910,68 euros, coas modificacións establecidas na oferta, que inclúen melloras por un importe de 63.246,99 euros, un prazo de garantía de 36 meses e un prazo de execución de 77 días. A empresa adxudicataria é Sercoysa Proyectos y Obras S.A.

Tamén resultaron adxudicadas, desta vez á IMES S.A., as reparacións urxentes na iluminación pública da cidade, por un importe de 94.963,99 euros.

Ademais, a empresa G.O.C. S.A. será a encargada de redactar, por 23.950 euros, os proxectos de construcción, reforma e reparacións de diversos muros no termo municipal de Vigo. O prazo de execución destas obras será de dous meses.

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local adxudicou a Obras y Construcciones Dios S.A., por 36.670 euros, as obras de construcción das segunda fase do muro e peche do CEIP Coutada Beade.

Convenio co Mercantil

Finalmente, resultou aprobado un convenio de colaboración entre o Concello e o Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo para o desenvolvemento das actividades desta entidade ao longo do presente ano.

Por este acordo, o Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo comprométese a cumprir o seu programa de actividades, así como a reservar unha páxina na súa revista "El Mercantil" para a información institucional que a Alcaldía considere oportuna. Ademais, entre outros requerimentos, o Círculo programará tres concertos especiais da Coral Casablanca con orquestra e facilitará unha sala para realizar as exposicións que lle remita o Departamento de Cultura do Concello.

O Concello, pola súa parte, achegará a este convenio de colaboración 18.000 euros. Unha primeira achega, de 9.000 euros, realizarase tras a sinatura deste acordo. Os outros 9.000 euros serán aboados antes do 27 de decembro, unha vez que o Círculo presente a memoria de avaliación da súa programación.
Descargar todas as imaxes