Escoitar

Os IX Xogos Autonómicos de baloncesto Special Olympics animarán os discapacitados a superarse

Unhas 450 persoas participarán na novena edición dos Xogos Autonómicos de baloncesto Special Olympics Galicia, que se celebrará nos pavillóns das Travesas e de Balaídos. O obxectivo destes Xogos é estimular as persoas discapacitadas para que se superen.

venres, 20 mai 2005
1116592344special2005.jpeg
A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou hoxe venres en rolda de prensa os IX Xogos Autonómicos de baloncesto Special Olympics Galicia, que reunirán mañá sábado nos pavillóns das Travesas e de Balaídos unhas 450 persoas, entre deportistas, adestradores e organizadores.

Segundo explicou Lucía Molares, con este evento quérese demostrar que "o deporte non ten barreiras". A concelleira asegurou que "este tipo de campionatos axuda a que a sociedade o recoñeza así".

O presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, dixo desta entidade que "incita as persoas discapacitadas á actividade física e ao deporte para que teñan un estímulo que as anime a superarse". Eládio Fernández afirmou que "todos os que participen neste evento recibirán o seu premio, non por ser o número un ou o número dous, senón pola súa vontade de autosuperación".

Os IX Xogos Autonómicos de baloncesto Special Olympics Galicia contarán con probas individuais e adaptadas. Segundo explicou o director técnico de Special Olympics Galicia, Ezequiel Solar, as probas individuais están destinadas a aquelas persoas que debido á súa discapacidade non poidan participar nunha competición de equipos. As probas adaptadas serven para propiciar a participación das peroas discapacitadas, por exemplo, facendo máis ancho o aro da canastra e baixándoo de altura.

Na competición de equipo participarán 23 grupos distribuídos en 3 niveis, segundo a aptitude dos seus membros para xogar de acordo coas regras do baloncesto. Esta competición desenvolverase de 12:30 a 14:00 e de 15:00 a 18:30. Nesta última hora entregaranse as medallas. Despois, arredor das 19:15, celebrarase a clausura dos Xogos.
Descargar todas as imaxes