Escoitar

Corina Porro avoga por unha cidade "máis amable" na súa visita ás obras do contorno da Alameda

A alcaldesa, Corina Porro, comprobou hoxe luns o estado das obras que, dentro do proxecto Vigo 2005, se están a realizar na zona comprendida entre Montero Ríos e a Praza de Compostela. As actuacións de Vigo 2005 teñen por obxectivo humanizar e rehabilitar a cidade de cara á saída da Volvo Ocean Race, que se celebrará en novembro.

luns, 9 mai 2005
1115641198inspeccion.jpg
Na súa visita, Corina Porro puido ver como avanzan os traballos nas rúas Pablo Morillo e Luis Taboada, próximas á praza de Compostela, cuxo contorno está a ser rehabilitado dentro do proxecto Vigo 2005. A alcaldesa anunciou que as obras nesta parte da cidade, situada entre Montero Ríos e a Alameda e incluída na primeira fase de Vigo 2005, estarán finalizadas o próximo 15 de xuño.

A día de hoxe trabállase no adecentamento das beirarrúas e rodaduras desta área con materiais cómodos para os peóns, como o granito, así como no seu axardinamento, con flores, arbustos baixos e árbores. Na zona visitada hoxe pola alcaldesa colocáronse camelios da variedade xapónica. Nas restantes rúas plantaranse laranxeiras e palmeiras. Unha das novidades que presentará a zona en obras é a dos contedores "soterrados", coa tapa ao nivel do chan e un moderno sistema de elevación e baleiramento.

O proxecto Vigo 2005 naceu o ano pasado como unha sociedade mixta na cal participan o Concello e Zona Franca, agrupando actuacións por valor de nove millóns de euros. Segundo afirmou Corina Porro, o obxectivo de ambos os socios é conseguir "unha cidade máis amable" para presentala ao mundo en novembro deste ano, con motivo da saída da Volvo Ocean Race.

Así, en virtude do convenio asinado entre o Concello e Zona Franca, preténdese humanizar e rehabilitar rúas céntricas e significativas da cidade, con solucións alternativas como un maior número de aparcadoiros subterráneos e unha mellora da calidade dos seus servizos. Referíndose ao gran número de turistas que poden chegar este ano, Corina Porro afirmou que Vigo debe aspirar a ser "punteira como cidade industrial e punteira tamén, por que non, como cidade de servizos".

A alcaldesa asegurou que a finais de outubro ou principios de novembro "toda a zona do ensanche estará en perfectas condicións" para o inicio da Copa do Mundo de Vela. Neste sentido, Corina Porro dixo que esta é "a primeira vez na historia de Vigo en que se cumpren os prazos", e engadiu que Vigo parecerá "outra cidade" despois destas obras.
1115641198inspeccion.jpg
1115641214inspeccio.jpg
Descargar todas as imaxes