Escoitar

Unha cesteira mostrará os segredos do seu oficio o sábado no Centro de Artesanía Tradicional

A artesá cesteira Mª Jesús Barreiro García fará unha demostración do seu oficio o sábado 9 pola mañá no Centro de Artesanía Tradicional (CAT). Esta demostración, coa que se pretende achegar o público aos oficios antigos, complétase cunha rota cultural polo Casco Vello.

mércores, 6 abr 2005
1112792850cesteiro0604.jpeg
O Centro de Artesanía Tradicional (CAT), sito no 10 da rúa Subida ao Castelo, organiza o próximo sábado 9 de abril a partir das 11:30 unha nova demostración en vivo, esta vez coa cesteira Mª Jesús Barreiro García (Chus), quen amosará os procesos, técnicas, ferramentas e as diferentes materias primas coas que se traballa na cestería tradicional de Galicia.

Chus é actualmente unha das artesás monitoras de cestería en madeira aberta e colmo na Casa do Cesteiro. Da súa man os visitantes achegaranse aos diversos aspectos deste oficio. Así, a demostración centrarase en aspectos como as formas, a funcionalidade e o folclore asociado ás pezas tradicionais, o que facilitará un maior coñecemento sobre o oficio da cestería.

Esta actividade forma parte do ciclo de demostracións en vivo que teñen lugar o segundo sábado de cada mes nas depencias do CAT. Ao longo destes meses o CAT contará coa presenza doutros artesáns tradicionais como son as tecedeiras, os selleiros, os alfareiros, os zoqueiros, os latoeiros e os ferradores.

O ciclo de demostracións ten por obxectivos crear o hábito de achegar o público ao CAT, sensibilizalo sobre a importancia de manter os oficios tradicionais, xa que constitúen un patrimonio en vías de extinción, e fomentar o interese e coñecemento sobre a riqueza cultural que nos ofrece unha cidade como Vigo.

Rota cultural ao Casco Vello

Con esta finalidade, o CAT organiza ademais unha rota cultural ao Casco Vello ligada á artesanía, con tres puntos de interese: o propio CAT, a Casa do Cesteiro e a rúa dos Cesteiros. O itinerario parte da Praza do Rei ás 11:30. Durante o percorrido ata o CAT explícanse os elementos que se van presentando, como a muralla, o castelo de San Sebastián e a rehabilitación do Casco Vello. No CAT, o público gozará da demostración feita polo artesán, que explicará todos os pormenores do seu oficio durante hora e media.

A rota continuará pola rúa da Ferrería cara á Praza de Calatrava e Argüelles, atravesando a rúa Elduayen. Na Praza da Princesa realizarase unha parada diante da cerería San José. Despois os asistentes dirixiranse á rúa dos Cesteiros, onde se comentará o proceso de elaboración destes artigos. Por último, na rúa Real coñecerase a Casa do Cesteiro, centro de formación en cestería tradicional dependente da concellería de Patrimonio Histórico.
Descargar todas as imaxes