Escoitar

O Concello pagará 965 millóns de pesetas á Comunidade de Montes de Zamáns pola expropiación dos terreos da Cidade Universitaria

mércores, 12 dec 2001
imx884.jpg
Orlando Oitavén e Lois Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asinou un convenio coa Comunidade de Montes en Man Común de Zamáns no que se recolle o compromiso do Concello de pagar o xusto prezo da parcela expropiada á entidade para ampliar o campus da Universidade de Vigo. O Concello abonaralle á Comunidade de Montes 965.752.200 ptas. nos próximos cinco anos. O primeiro prazo, 193 millóns de ptas., incluirase nos presupostos municipais do próximo exercicio.

O Concello expropioulle en 1994 á Comunidade de Montes de Zamáns unha parcela de 510.980 m2 para ampliar o campus da Universidade. As diverxencias respecto á avaliación económica dos terreos demorou o pagamento e provocou que a Comunidade chegase a interpoñer varios recursos nos tribunais contra o Concello. Coa sinatura deste convenio, a Comunidade de Montes comprométese a renunciar ao exercicio de calquera acción xudicial ou administrativa e a desistir das xa iniciadas.

Lois Castrillo afirmou que a asunción deste compromiso reflicte a vontade do Goberno municipal de resarcir unha débeda cos comuneiros de Zamáns adquirida hai anos. O alcalde agarda que a asemblea da Comunidade de Montes ratifique este acordo que tamén será sometido á aprobación do Pleno da Corporación.

Descargar todas as imaxes