Escoitar

Ensemble Música Peregrina: Composicións barrocas españolas e italianas

luns, 3 dec 2001
A música composta na época barroca volve ser protagonista deste concerto do Festival ARE MORE, a cargo dun grupo que obtivo recoñecementos importantes polos escenarios onde actuou: Ensemble “Música Peregrina”. A formación, dirixida polo galego Manuel Vilas, está composta por catro membros, incluído o propio director. A voz corre a cargo da mezzosoprano Alicia Borges, Jan Grimbergen que interpreta o óboe barroco, Renée Bosch á viola, e o propio Vilas que interpreta a harpa.

O recital divídese en dúas partes, aínda que cun denominador común: as cancións que se compuxeron na época barroca. A primeira, dedicada ós estilos autóctono e italiano dos séculos XVII e XVIII. A segunda, as cantatas en español e italiano que compuxo Georg Friedrich Haendel.

A mezzosoprano arxentina Alicia Borges participou xa no concerto de ARE MORE no que o grupo Ensemble Elyma puxo en escena a ópera L’Orfeo de Monteverdi. Estudiou no seu país natal e en Alemaña, onde reside dende o ano 1987. Cursou estudios de canto en Friburgo e en Karlsruhe. Comezou a participar en recitais no país teutón e en España. Cantou con Plácido Domingo e Teresa Berganza en 1992 co gallo dos concertos da Expo de Sevilla, interpretando Carmen de Bizet. Na tempada seguinte dedicouse a interpretar obras de carácter relixioso como o Réquiem de Verdi, o Réquiem de Dvorak, o Elías de Mendelsson, etcétera. Foi no ano 1994 cando entrou a formar parte do grupo Ensemble Elyma, co que realizou xiras por varios países europeos e americanos, da man do seu director e compatriota Gabriel Garrido. Dende entón compatibilizou as súas actuacións e gravacións de discos co grupo e en solitario acompañada ó piano. Cantou en tódolos estilos nos últimos anos, e dedicouse, ademais de á interpretación de grandes obras clásicas, á difusión da música arxentina por toda Europa.

Participou na gravación do Retorno de Ulises de Monteverdi con Ensemble Elyma, recentemente gravou para o selo Naxos unha integral de cancións do compositor arxentino Carlos Gustavino.

Manuel Vilas, natural de Santiago de Compostela, é o director do grupo e interpreta a arpa de dous ordes, instrumento do que é un apaixonado e sobre o que realizou numerosos estudios de investigación. Posúe o título superior de profesor de Solfexo, Teoría da Música, Transposición e Acompañamento.

Cursou estudios especializados en Madrid, Zaragoza e Milán, da man da arpista Mara Galassi. Colaborou con case unha vintena de grupos españois, franceses e alemáns de cámara e forma parte tamén do Ensemble Elyma. Medio centenar de festivais en toda Europa contaron coa presencia de Vilas. Tamén participou en produccións operísticas e é membro do Grupo de Música Medieval Maladança, onde toca unha harpa reproducción das que existen no Pazo de Xelmírez. Gravou tres discos con Ensemble Elyma, e impartiu un curso de harpa barroca en Estados Unidos.

Gravou, como harpista a banda sonora da película El Lazarillo de Tormes e forma habitualmente dúo coa soprano Rosa Vázquez.

O óboe barroco está a cargo do holandés Jan Grimbergen, graduouse neste instrumento no ano 1983 como solista, obtendo o título de profesor ó ano seguinte. Actuou en numerosos grupos de cámara do seu país natal así como en España, onde ocupa postos fixos como solista deste instrumento nas orquestras de Castela e León e Pamplona. Impartiu cursos de óboe barroco en distintas localidades españolas e gravou varios discos de música de cámara.

A cuarta integrante de Ensemble “Música Peregrina” é a holandesa Renée Bosch, que interpreta a viola de gamba. Comezou os estudios deste instrumento ós doce anos e a súa traxectoria profesional e pedagóxica converteuna nunha virtuosa deste instrumento. Como solista, participou en numerosos grupos especializados na interpretación do repertorio renacentista e barroco, con concertos por países americanos e por España. Acompañou a cantantes da importancia de Teresa Berganza e, con frecuencia, actúa como solista invitada por orquestras para interpreta-las “paixóns” de Bach.

Na actualidade forma parte dos grupos Florilegium Hispanicum, Collegium Musicum Iribarren e Zarabanda.



BIOGRAFÍA

PROGRAMA

ARE-MORE (información sobre venda de entradas)