Escoitar

Un obradoiro de emprego en Vigozoo facilitará a inserción laboral de 36 persoas

luns, 3 dec 2001
imx857.jpg
Amador Fernández e Delfín Fernández
Trinta e seis desempregados de máis de 25 anos comezarán a traballar no mes de decembro nun obradoiro de emprego que realizará obras de mellora nas instalacións de Vigozoo.

Este proxecto, promovido polas concellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Local e Emprego, conta cunha subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de 105 millóns de pesetas. A Comisión de Goberno deu hoxe luz verde a este proxecto de emprego, no que o Concello de Vigo asumirá o 20% do custo total.

Os beneficiarios deste obradoiro de emprego, que se enmarca no Plan Municipal de Emprego 2000-2003, recibirán formación e experiencia laboral nas especialidades de carpintería, construcción e xardinería, durante os 12 meses nos que se desenvolverán as obras en Vigozoo. Durante ese tempo terán un contrato laboral e, polo tanto, recibirán o salario correspondente.

As aulas, oficinas e talleres, así como tódolos demais equipamentos necesarios para levar a cabo este proxecto estarán nas instalacións municipais do zoo, na Madroa.

Os obradoiros de emprego son un tipo de programas mixtos de formación-emprego, a través dos que un determinado número de desempregados de máis de 25 anos recibe unha formación profesional ocupacional que lle proporcione a cualificación necesaria para a súa inserción laboral no mercado laboral, mentres realiza obras ou servicios de utilidade pública. Os posibles beneficiarios deste proxecto son persoas que teñen especiais dificultades de inserción laboral, como os parados de longa duración, as mulleres, os maiores de 45 anos ou persoas con discapacidade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, sinalou melloras e innovacións en Vigozoo como a posta en funcionamento dunha granxa-escola, un parque infantil á entrada das instalacións, un planetario portátil e, proximamente, a apertura dunha tenda de agasallos e unha zona de esparcimento no recinto. A segunda fase do peche perimetral será outras das obras que se realizará dentro de pouco. Desta maneira, o Vigozoo cumprirá as normativas europeas para os zoos.

Descargar todas as imaxes