Escoitar

O Concello cubrirá a pista polideportiva das Coutadas

luns, 3 dec 2001
Dentro do Plan Municipal de Mellora de dotacións deportivas nos barrios de Vigo, o Goberno acaba de adxudicar o concurso para a construcción dunha cuberta na pista polideportiva do parque das Coutadas, a carón da Travesía de Vigo. O Concello vai investir algo máis de 16 millóns de pesetas nas obras necesarias para cubrir esa instalación deportiva e facilitar así a súa utilización durante todo o ano.

A pista do parque das Coutadas ten unha ocupación alta debido a que se encontra nunha zona cunha alta densidade de poboación e poucas instalacións deportivas. Con esta mellora preténdense crear as condicións para que poida ser utilizada sexa cal sexa a situación meteorolóxica. Os traballos de construcción da cuberta terán unha duración aproximada de 4 meses.


Axudas á creación de empresas

O Goberno aprobou a distribución das axudas municipais á creación de empresas previstas no Plan de Emprego 2000-2003. Serán 10 millóns de pesetas os que se distribúan en concepto de subvención entre 14 empresas. A maioría, 7 das axudas, recibiranas empresarios que se establecen como autónomos.


Concurso “Vente cos Reis Magos”

A Comisión de Goberno convocou a edición dun concurso xa clásico no Nadal, denominado “Vente cos Reis Magos”. Este concurso serve para seleccionar aos 30 nenos ou nenas que acompañarán aos Reis Magos na cabalgata do vindeiro día 5 de xaneiro. Este ano poderán participar no proceso de selección os nados entre os anos 1989 e 1993, ámbolos dous inclusive. Para iso terán que cubrir un boletín de inscrición que se poderá recoller no posto de información do Concello ou nas entidades que visite o carteiro real. O prazo para participar no concurso vai do 21 de decembro ao 2 de xaneiro.