Escoitar

Ensemble Elyma: A ópera ”Orfeo” de Monteverdi no Festival Are-More

xoves, 29 nov 2001
imx846.jpg
O Festival Are-More pon en escena no Cine Fraga-Caixa Galicia unha gran producción operística da man dunha das formacións que obtivo, na última década, algunhas das críticas máis eloxiosas no panorama internacional: Ensemble Elyma. E faino cunha das óperas clásicas máis laureadas do compositor Claudio Monteverdi.

Ademais do excelente espectáculo que albergará o teatro vigués, os organizadores de ARE MORE quixeron que esta representación servise de apoio á celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida. Instituído no ano 1995 por Nacións Unidas, trátase de recordar tanto os dereitos de quen, por unha ou outra razón, contraeron esta enfermidade como a todos aqueles que, en calquera ámbito profesional, dirixen os seus esforzos para combater ou mitigar este padecemento. De aí a iniciativa do Festival ARE MORE, que xa esgotou as entradas para este concerto.

Monteverdi compuxo “L’Orfeo” no ano 1607 e é unha das óperas que realizou durante a súa carreira, tras iniciarse na composición de música relixiosa.

Precisamente, o grupo Ensemble Elyma especializouse, entre outras facetas, en gravacións e interpretacións das óperas monteverdianas, e realizou versións de todas elas: “L’Orfeo”, “Ariadna”, “O regreso de Ulises”, “A coroación de Poppea”, “O baile da ingrata” e “O combate de Tancredo e Clorinda”.

Ensemble Elyma foi creado en Xenebra no ano 1981. Dende entón está dirixido polo músico arxentino Gabriel Garrido. Naceu como un grupo de investigación da interpretación da frauta doce –de aí o nome de elyma–. Posteriormente, e gracias ós estudios musicolóxicos realizados, a formación ampliouse para poder abordar un gran repertorio antigo e barroco. Por ese motivo, a composición de Ensemble Elyma varía en cada concerto segundo o tipo de música que ofreza en cada un deles. O grupo conta na actualidade con 28 cantantes líricos e outros tantos músicos.

A raíz da paixón do seu director pola voz, pola mitoloxía grega e polo folclore de América latina e dos países mediterráneos, Elyma foi diversificando o seu repertorio dunha forma tan ampla que abarca case tódalas composicións musicais antigas, aínda que o seu traballo se centrou sobre todo no Renacemento e no Barroco. Este feito converteu a esta formación nun dos grupos de referencia internacional, sendo invitado polos máis importantes festivais do momento.

Dende o inicio da súa producción discográfica, primeiro cos selos Tactus e Sinfonía e a partir de 1992 con K617, obtivo innumerables premios e galardóns polas súas interpretacións, entre os que cabe salientar “Diapasón de Ouro”, “Gran premio da Academia do Disco de Francia”, “Timbre de platino da Ópera Internacional”, etcétera.

Gran parte do éxito obtido pola formación dende o seu nacemento débese, sen dúbida, ó seu director Gabriel Garrido. Iniciado musicalmente no seu Bos Aires natal, foi a alma de formacións dende a idade de 17 anos. Con algunha delas realizou xiras por Europa, ó final das cales decidiu instalarse en Suíza, para perfeccionar e afondar nos seus estudios sobre a música antiga e tradicional. Creou en 1980 o grupo Glosas, especializado en música do Renacemento e ó ano seguinte deu o salto definitivo con Ensemble Elyma.

No ano 1992 iniciou a súa colaboración co selo discográfico K617, para realizar unha serie que se titulou “Os camiños do Barroco”, que foi recoñecida con numerosos premios internacionais. A UNESCO e o Consello Internacional da Música invitárono en multitude de ocasións a organizar diferentes eventos musicais. Froito deste traballo recibiu do organismo dependente da ONU a “Medalla Mozart”, polo seu estudio da música de América Latina, sobre todo da época do barroco.

O Teatro Massimo de Palermo invítao tódolos anos, dende 1989, a pór en escena unha nova creación. Como consecuencia desta actividade, Garrido especializouse nas obras líricas de Monteverdi, realizando gravacións de todas elas, así como doutras composicións de autores italianos. A súa gravación de “L’Orfeo” valeulle o recoñecemento da crítica internacional e a obtención de numerosos galardóns internacionais. En 2000 efectuou a gravación discográfica da terceira grande ópera de Monteverdi, “A coroación de Poppea”.

O concerto de Ensemble Elyma supón un punto de inflexión na programación do Festival ARE MORE, tanto pola calidade da formación en si como pola posta en escena dunha das óperas máis tradicionais dentro do repertorio clásico.


ENSEMBLE ELYMA

BIOGRAFÍA DO DIRECTOR

REPARTO, CORO E INSTRUMENTISTAS

CLAUDIO MONTEVERDI



Descargar todas as imaxes