Escoitar

Noites Vivas consolídase como un dos mellores programas do Estado destinados á xuventude

xoves, 29 nov 2001
imx849.jpg
Papiroflexia
A Concellería de Xuventude, organizadora de Noites Vivas, concluiu esta edición coa participación de 15.400 rapaces que asistiron ás máis de 80 actividades programadas. Esta iniciativa resultou das mellores valoradas nas ”Xornadas sobre ocio alternativo xuvenil en horario nocturno”, da Federación Española de Municipios e Provincias, debido á calidade e variedade da oferta presentada.

O concelleiro Santiago Domínguez explicou que as actividades de maior aceptación foron os bailes de salón (máis de 2.000 rapaces participantes), as pachangas deportivas (1.300), proxección de películas nos cines Box (850), acuaróbic nas piscinas (435) e internet tanto no Centro Xuvenil Abertal como no Cibercastro. Tiveron boa acollida tamén os concertos dos grupos musicais que acoden ó local municipal de ensaio.

Espacios municipais como as piscinas, pavillóns, o Cibercastro ou o Centro Xuvenil, ademais dos locais de asociacións veciñais, escolas e clubes destinados á mocidade, serviron de marco para desenvolver unha programación diversificada. Domínguez destacou ”a apertura de novos espacios como a asociación de veciños de Beade, o Centro Xuvenil Abertal ou Camiño Vello de Coia, que puxo en marcha a Casa do Terror, na que participaron 150 mozos na primeira xornada”.

Unha das estratexias de achegamento á mocidade foi a descentralización de actividades, que lle facilitou a asistencia ós obradoiros sen necesidade de desprazarse.

Contrastouse tamén que hai grupos de rapaces que se moven pola cidade seguindo as actividades de Noites Vivas: así, mozos de Beade asistiron a obradoiros en Valadares, Bouzas, Cabral e no centro da cidade. Estableceuse un circuíto deseñado polos propios rapaces para rotar polas distintas actividades. Tamén asistiron mozos procedentes de Nigrán, Baiona, A Guarda e Tui.

A valoración dos participantes foi moi positiva e agradeceron a calidade dos obradoiros e mailo traballo dos 300 monitores das distintas actividades.

Santiago Domínguez explicou que algunhas das actividades foron propostas polos participantes e logo pasaron a darlle continuidade a pesar da conclusión da programación. Un exemplo foi a iniciativa das Brigadas Verdes que se manterá durante o mes de decembro. ”Os mozos que acoden ó Castro prestaron a súa colaboración na recollida de lixo e concienciáronse da necesidade de manter este parque limpo para o disfrute de tódolos cidadáns”, indicou Santiago Domínguez. Varios grupos solicitaron máis colectores de lixo nas zonas onde se asentan durante as fines de semana.

O concelleiro de Xuventude agradeceu o comportamento dos mozos e a colaboración das empresas Caixanova, Faro de Vigo, Construccións e Contratas, Seragua, Vitrasa e Praza Elíptica que patrocinaron esta edición das Noites Vivas.


MÁIS INFORMACIÓN


Descargar todas as imaxes