Escoitar

As rúas da cidade acollerán a vindeira semana o Festival Artístico "Muu! Circus"

Durante a próxima semana e en distintas zonas da cidade, varios artistas e o público que asista, participarán nunha mesma viaxe chea de fantasía, color, alegría, espranza... un sinfín de sensacións para todo aquel que queira incorporarse.

venres, 24 set 2004
Esta iniciativa, apoiada pola concellería de Xuventude, xorde da colaboración de varias agrupacións musicais viguesas e artistas doutras disciplinas (danza, teatro, malabares, etc). Baixo o amparo e aval de Estudios MUU! E a Asociación Cultural SKÈNE, nace a idea de reunir, baixo un único festival, o maior número posible de vías de expresión que se lanzan á rúa para dar renda solta ás súas inquedanzas artísticas.

O seu obxecto prioritario é crear arte, da xente para a xente, divertirse e divertir, sen importar a idade ou condición ademáis de buscar saídas nun contexto artístico cheo de trabas e dificultades. "Muu! Circus" é supervivencia na selva artística.

Programación
A travesía comezará o vindeiro luns 27 de setembro na rúa do Príncipe, onde se realizarán diversos números cómicos a partires das 18.00 horas.

O martes, 28 de setembro, no Parque Infantil de O Castro, os paiasos Cáscara, Pistacho e Cía., actuarán para os máis pequenos, a partires das 18.00 horas.

Ao día seguinte e a partires das 17.00 horas, os animadores urbanos pasearanse por diferentes puntos da cidade con malabares, música...

A noite do xoves 30 de setembro (22.30 horas), en "La Iguana Club", terán lugar dous concertos amenizados por Why Go e Annie Hall.

Como peche do festival, o sábado 2 de outubro na Praza de Portugal, ás 23.00 horas, reuniranse todos os artistas nun único espectáculo.

Todos os espectáculos serán gratuítos.