Escoitar

Bibliocampamento 2004, un momento para a imaxinación

Nos meses de xullo e agosto a proposta educativa recén estreada o ano pasado celebra a súa segunda edición. Unha alternativa ó lecer estival onde a diversión está garantida e onde a lectura irá acompañada de xogos e manualidades para os máis pequenos.

martes, 6 xul 2004
Por segundo ano consecutivo os máis cativos poderán disfrutar dun sinfín de actividades orientadas á lectura durante os meses de xullo e agosto. Así, o Bibliocampamento 2004 saúda aos nenos de idades comprendidas entre os catro e os nove anos como alternativa fronte a escaseza de actividades existentes nesta época do ano.

Neste campamento adicado á lectura haberá dúas quendas. A primeira delas será os luns e mércores de cada semana e estará destinada aos rapaces de catro a seis anos. A segunda terá lugar os martes e xoves para nenos e nenas de sete a nove anos. E os últimos venres de cada mes, é dicir, o 30 de xullo e o 27 de agosto, será o momento da romaría popular, que compartirá escenario cos xogos tradicionais e a música, aliñados cun bo xantar. Unha actividade extraordinaria e sen límite de idades.

Os nenos que estean interesados en participar no Bibliocampamento poderán inscribirse na biblioteca, polas mañás na sección de préstamo e polas tardes na de infantil. Aínda que só se ofertan 50 prazas, 25 para cada quenda, haberá lista de espera.

O horario do Bibliocampamento será de 10.30 a 12.15 e por suposto, gratuíto.