Escoitar

Aprobado o proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo

xoves, 21 xuñ 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou de forma definitiva o proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico. Isto supón que o Consorcio da Zona Franca ten vía libre para comezar os traballos de urbanización do parque empresarial que se vai construír nas parroquias de Valadares e Beade.



Aprobáronse as follas de aprecio do expediente de expropiación de terreos para a ampliación da Cidade Universitaria

A avaliación que fan os técnicos dos terreos e que figura nas follas de aprecio é a seguinte:

Expropiación de 28.840 m2 á Comunidade de Montes de Beade--- 15.549.799 ptas.

Expropiación e 16 hectareas á Entidade Local de Bembrive--- 73.231.082 ptas.

Expropiación de 51 hectáreas á Comunidade de Montes de Zamáns--- 275.699.502 ptas.



O alcalde levará a pleno o Plan Parcial Recaré 2

O alcalde, Lois Pérez Castrillo, decidiu trasladarlle ao Pleno da Corporación municipal a proposta de aprobación do Plan Parcial Recaré 2. O alcalde pretende que o pleno se pronuncie sobre este expediente, que foi rexeitado polo Consello da Xerencia ao votar en contra o Partido Popular e o Grupo Mixto e absterse o PsdeG-Psoe.

O Plan Parcial Recaré foi aprobado en 1996, pero un defecto de forma no proceso de notificación a un dos afectados motivou que fose anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O defecto foi xa subsanado e agora preséntase o mesmo documento ao Pleno da corporación. Os promotores do Plan, Inmobiliaria Recaré, pretenden construír na zona un centro comercial de 7.000 m2, para o que prevén un investimento de 20.000 millóns de pesetas e a creación de preto de 4.000 postos e traballo.



O Xerente de Urbanismo anuncia a próxima instalación dun novo sistema informático na Xerencia

O vindeiro mes comezará a instalarse na Xerencia de Urbanismo un novo sistema informático que permitirá realizar un seguimento máis preciso de tódolos expedientes. Unha das finalidades deste sistema é o de permitirlle aos cidadáns consultar a marcha dos seus expedientes a través de internet. Así mesmo, as novas aplicacións permitirán acelerar o proceso de notificacións. O xerente de Urbanismo, Xavier Rivas, anunciou que no primeiro semestre do ano se aprobaron 1.240 licencias de obra e apertura. De seguir o mesmo ritmo na segunda metade do ano conseguirase incrementar un 20% a cifra de licencias outorgadas no ano anterior.