Escoitar

A Asociación de Desenvolvemento Rural podería xestionar máis de mil millóns do programa Proder II

mércores, 20 xuñ 2001
imx359.jpg
As actuacións que pretende realizar esta asociación constituída onte en Redondela contemplan a restauración e conservación do patrimonio, accións de divulgación dos recursos turísticos, creación de empresas e o achegamento ó rural das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

O importe solicitado ó proxecto Proder II da Unión Europea será de preto de 1.400 millóns de pesetas. Os investimentos realizaranse no ámbito rural dos concellos que conforman a Área Intermunicipal de Vigo no período 2000-06.

A Asociación de Desenvolvemento Rural está integrada polos 12 alcaldes da Mancomunidade de Vigo, os tres alcaldes das entidades menores de Bembrive, Chenlo e Morgadáns, un delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e tres representantes do Pleno da Mancomunidade. No decurso da asemblea xeral celebrada onte en Redondela constituíronse as mesas sectoriais de recursos naturais e medio ambiente, desenvolvemento económico, desenvolvemento sociocultural, veciñal e de xuventude e muller.

Os órganos de dirección desta asociación quedan establecidos mediante mesas sectoriais, unha asemblea xeral e unha xunta directiva.
Descargar todas as imaxes