Escoitar

Coloquio sobre ”A memoria da cidade”

xoves, 21 xuñ 2001
imx365.jpg
As xornadas de debate sobre a conservación e desenvolvemento do Barrio Histórico, organizadas pola Xerencia de Urbanismo, comezaron onte cun primeiro coloquio titulado “A memoria da cidade”. Participaron o arquitecto José Luis Pereiro, os xornalistas Manuel V. Sola e Eduardo Rolland, o escritor Víctor F. Freixanes e o presidente da Federación ”Eduardo Chao”, Fernando Seixo.

Eduardo Rolland contou que viviu unha tempada no Casco Vello pero logo trasladouse a outro lugar. Sinalou a importancia de recuperar a memoria do barrio para o conxunto da cidade e incidiu na necesidade de incorporar xente nova no proceso de rehabilitación.

Fernando Seixo lembrou que nos anos 80 sufriu un forte baleiro de poboación o que causou que case se convertese nun barrio marxinal. Falou da necesidade de contar cos veciños contra o abandono que padece e afirmou que ”Vigo se quere pouco a si mesmo porque ignora a memoria histórica da cidade”.

José Luis Pereiro realizou unha ”crónica da desfeita producida nos últimos anos” e sinalou as actuacións emprendidas ó longo do século XX ”que incidiron de forma negativa na estructura do barrio”, dixo. Concluiu na necesidade da redacción deste novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior que ten os seus antecedentes no plan elaborado hai unha década sen contar con axudas nin incentivación da inicitaiva privada. Considerou necesario, neste sentido, buscar axudas destinadas á rehabilitación do barrio histórico que debe ser integrado no conxunto da cidade, segundo o seu parecer.

Manuel Sola falou desde unha perspectiva económica e expuxo que no ano 2000 a iniciativa privada investiu 38.000 millóns de pesetas fronte ós 2.000 millóns de investimento público. ”O urbanismo vigués desenvólvese pola iniciativa privada”, dixo, e debe haber un cambio substancial nos plans xa que ata agora incrementouse a edificabilidade e non se aportou solo industrial.

Víctor F. Freixanes realizou unha análise da cidade habitada, en boa parte, por persoas foráneas. Fixo referencia a un estudio de Taboada Leal realizado en 1850 sobre a aldea de Vigo que, 150 anos despois, se converteu na cidade máis grande de Galicia ”cun consecuente desequilibrio urbano”, sinalou. Realizou unha comparación do Casco Vello de Vigo co doutras cidades e explicou o valor engadido que ten a súa recuperación. Lembrou a ”destrucción do movemento veciñal do anos 70” como un dos factores sociais que lle afectou ó barrio e expresou a necesidade de creación de centros e lugares de referencia no Casco Vello de cara a atracción e recuperación social.




------------------------

As xornadas continuarán a vindeira semana con estoutros debates:

Martes 26 de xuño, ás 20:30, no auditorio da Casa galega da Cultura --- “Rehabilitación de Cascos Históricos en Galicia”

- César Coll, vicedecano do Colexio de Arquitectos de Galicia
- José Cebrián, arquitecto
- Marián Leboreiro, arquitecta
- Iago Seara, arquitecto

Venres 29 de xuño, ás 20:30, no auditorio da Casa Galega da Cultura --- “Plan especial de protección e reforma do Casco Vello de Vigo”

- Daniel Pino, sociólogo e urbanista
- Santiago López Fontán, enxeñeiro de camiños
- Enrique Sánchez Goyanes, profesor de dereito urbanístico
Descargar todas as imaxes