Escoitar
A alcaldesa e o presidente da Deputación asinan un convenio para a execución de diversas obras, que inclúe tamén a construcción do Centro Cultural Cabral Feira

Concello e Deputación colaboran na renovación do pavimento de 18 rúas da cidade

O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra colaborarán na execución de obras de pavimentado en dezaoito rúas da cidade, así coma na construcción do Centro Socio-Cultural de Cabral Feira. A alcaldesa, Corina Porro, e mailo presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, asinaron esta mañá un convenio de cooperación económica para o financiamento de diversas obras na cidade por importe de 2.018.101,20 euros.

xoves, 20 mai 2004
1085054039deputacion.jpg
Louzán,Porro e Iglesias
O organismo provincial financiará a execución das obras e o Concello de Vigo porá a disposición da Deputación os terreos necesarios para poder leva-las a cabo. Unha vez rematadas, procederase á súa entrega ao concello, que será o encargado do mantemento e conservación das mesmas.

O convenio inclúe o pavimentado da capa de rodadura das seguintes rúas: Otero Pedraio, Valle Inclán, Camelias (2 tramos: entre praza Independencia e Rúa Marqués de Alcedo e entre Independencia e praza América, Arquitecto Antonio Palacios-nudeo Estación de Autobuses, Urzáiz (dende Gran Vía a Alcalde Gregorio Espino, Alfonso XIII, Gran Vía (entre Praza de América e Praza de España), Martínez Garrido, Placer, Paseo Alfonso XII, Condesa Casa Bárcena, Vía Norte (entre Escultor Gregorio Fernández e Urzáiz), Escultor Gregorio Fernández, Ecuador (dende Gran Vía a Taboada Leal), Praza de España, Cachamuiña, Llorente e Santa Marta. Ademais, o convenio contempla a construcción do Centro Cultural Cabral Feira por importe de 240.156 euros, así coma a realización de prospeccións arqueolóxicas na Avenida das Camelias e a rúa Placer.

A alcaldesa, Corina Porro, agradeceu á Deputación o seu interese pola primeira cidade de Galicia e asegurou que o convenio amosa a preocupación do goberno municipal polo abandono da cidade. Estas actuacións –dixo a alcaldesa- uniranse a outras de arranxo de beirarrúas e rúas que executará a Concellería de Servicios Xerais. Algunhas das obras en rúas previstas nas principais rúas comezarán entre os meses de xuño e xullo, segundo sinalou Rafael Louzán.