Escoitar

Curso de mediadores xuvenís en hábitos saudables

A concellería de Benestar Social organiza un curso de mediadores xuvenís en Hábitos Saudables co obxectivo de formar ós colectivos de xoves que desexen continuar cunha labor de promoción neses usos.

xoves, 20 mai 2004
1085053975mediadores.jpg
López Chaves
O curso que comezará o sábado día 22 e que presentou o concelleiro Ignacio López Chaves está destinado a persoas con perfís profesionais como traballadores sociais, educadores sociais, licenciados en educación física, psicólogos,…etc. de entre 18 e 35 años e pertencentes a distintas asociacións xuvenís e ou con especial sensibilidade en temas sociais.

O curso forma parte dun proxecto máis ambicioso, de Mediadores Xuvenís en Hábitos Saudables, durante este ano 2004, que consta de catro fases: curso teórico; sesións prácticas; aulas abertas e informe final.

O Curso Teórico vaise desenvolver todos os sábados comprendidos entre o 22 de maio e o 19 de Xuño en horario de mañá de 10:00 a 14:00 e de tarde de 16:00 a 20:00 nas instalación do Instituto Municipal de Educación.No mesmo, preténdese proporciona-los coñecementos e actitudes básicas no relacionado coa saúde xuvenil, especialmente en temas de drogodependencias e dar a coñecer distintos programas en prevención e reducción de danos.

Consta de seis módulos e entre outros temas falarase de : sexualidade, deporte, saúde, prevención, drogas, o botellón, ¿Cómo actuar ante o consumo?, xestión de riscos mediante o ocio,…etc.

A Fase Práctica realizarase durante os meses de Xullo, Agosto e Setembro e pretende por en práctica os coñecementos e actitudes adquiridos, contando para elo cunha tutela activa por parte da entidade na que se realizan as sesións prácticas, que permitan orientar e motivar os alumnos; para elo contase coa colaboración de Médicos do Mundo a través do Programa CEREDA e A.C.L.A.D. Alborada dende o programa CREATIVE, ambos programas conveniados coa Concellería de Benestar Social.

As seguintes fases realizaranse no último trimestre do año. A través de Aulas Abertas preténdese realizar unha conferencia dirixida os pais onde se abordarían temas dende a perspectiva deles mesmos, unha visión realista da situación e cales son as actitudes e mecanismos para abordala. E a través dunha Xornada con técnicos de Xuventude e de Ocio preténdese abordar a presentación dun proxecto de intervención con mozos e unha análise da intervención con eles, para o cal esperamos a presencia de poñentes a nivel estatal de programas innovadores.

Na última fase elaborarase un informe final que sirva á concellería como un elemento máis a considerar a hora do establecemento das súas liñas de actuación no eido da saúde; posibilitando unha reflexión sobre a análise da realidade da saúde (con particular atención ás problemáticas de saúde dos máis novos), coa participación de todos os participantes do curso.

Esta última fase pretende se-lo nexo cunha iniciativa na que está a traballar a Concellería de Benestar Social, como é a creación das Unidades de Promoción de Saúde nos diferentes distritos da cidade. Buscamos así, manifestou o concelleiro "aproveita-las sinerxias de traballo existentes no noso concello e na cidade".
Descargar todas as imaxes