Escoitar

O Campionato de España de Vela de Discapacitados Físicos celebrarase en Vigo

xoves, 14 xuñ 2001
A Agrupación Deportiva Sodium de Vigo, en colaboración coa Federación Galega de Deportes Minusválidos Físicos e a Federación Galega de Vela, organiza o Campionato de España que se celebrará na ría de Vigo. A Concellería de Deportes colabora con este evento que comezará a partir das 12:00 do venres 15 de xuño.

Participarán seis embarcacións do denominado tipo ”raquero adaptado”, procedentes de Cataluña, Comunidade Valenciana, Cantabria e Galicia. O Club Vela Escota de Vigo representará a Galicia cunha embarcación patroneada por François Pino.

O presuposto do campionato é de 1.450.000 pesetas e está patrocinado por Consello Superior de Deportes e a Fundación Once a través da Federación Española de Deportes Minusválidos Físicos. A Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo tamén patrocinan o evento.

Realizaranse valoracións médicas a tódolos participantes para que, en función da súa discapacidade, non superen os 12 puntos por embarcación de tres tripulantes. No transcurso das probas realizarase o control de dopaxe.

A Comisión Nacional de Vela da Federación Española de Deportes de Minusválidos Físicos presentará as novas directrices destinadas a fomentar e potenciar a vela nas embarcacións paralímpicas 2.4 MR.

Os organizadores prevén que o sábado 16 finalizará o campionato, aínda que deixaron a mañá do domingo como reserva. Farase entrega dos trofeos, medallas e recordos no transcurso da cea que se celebrará o sábado.

A Agrupación Deportiva Sodim e o Club Vela Escota promoverán que Galicia se convirta nun centro náutico internacional accesible para que os regatistas diminuídos físicos poidan navegar e practicar a vela todo o ano.