Escoitar

Aprobado o proxecto de estatuto e bases de actuación da Xunta de Compensación da U.A. ”El Pueblo Gallego”

xoves, 14 xuñ 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto do estatutos e bases de actuación para a constitución e funcionamento da Xunta de Compensación da Unidade de Actuación “El Pueblo Gallego”. Cumprido este trámite, os propietarios das parcelas poderán elaborar o seu proxecto de compensación e posteriormente presentar o proxecto de obra.

A execución de todos estes trámites permitirá a urbanización dos terreos onde estaba situado o edificio “El Pueblo Gallego”, na rúa Doutor Cadaval, moi preto da Porta do Sol. Alí está prevista a construcción dun edificio de oficinas e dunha praza pública sobre un aparcamento soterrado.

Como paso previo a esta actuación urbanística, o Concello procederá á ampliación da rúa Doutor Cadaval a dez metros de anchura. Para iso se expropiaron os dous edificios situados na confluencia da rúa coa Porta do Sol. O derrubo e a urbanización da zona comezará nos próximos meses.



O Concello negocia coa empresa Omicrón a rescisión do contrato suscrito polo anterior Goberno municipal para a revisión do Pxou

O Concello está negociando con Omicrón co obxectivo de chegar a un acordo para rescindir o contrato que subscribiu con esa empresa o anterior Goberno municipal para revisar o Plan Xeral de Ordenación Urbana. Omicrón conseguiu en 1996 a adxudicación dos traballos de revisión do Pxou de Vigo. O contrato establecía un prezo de 72.315.000 pesetas. O anterior Goberno municipal non chegou a tramitar esa revisión do planeamento, pero si abonou á empresa preto de 108 millóns de pesetas polos traballos realizados.

Actualmente comezaron os trámites para a elaboración dun novo Plan Xeral de Vigo. Antes de adxudicarlle o contrato de redacción do plan a un novo equipo é necesario rescindir o contrato que se asinara con Omicrón. De aí que o Concello negocie cos representantes da empresa un acordo que resolva a relación contractual.