Escoitar

Balance dos proxectos europeos de emprego xestionados polo Concello

mércores, 13 xuñ 2001
Os concelleiros de Benestar Social e Desenvolvemento Local e Emprego, Belén Sío Lourido e Delfín Fernández Álvarez, respectivamente, presentaron hoxe, na sala de conferencias do Centro Cultural Caixanova, unha xornada na que se explicou o balance e o resultado material dos programas de emprego acollidos á “Iniciativa Comunitaria Emprego e Desenvolvemento de Recursos Humanos”.

A xornada contou coa presencia e intervención, do representante da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo, Guzmán García González-Posada, xunto cos responsables de ámbolos dous proxectos comunitarios “SÍSIFO” e “LIFE”, que foron xestionados directamente polo Concello de Vigo.

Á parte de presenta-los resultados e conclusións das dúas experiencias municipais por medio das súas respectivas memorias de actividades, as iniciativas Youthstart-SÍSIFO e Integra-LIFE xeraron unha serie de productos multimedia (CD-ROM) cunha importante proxección para os profesionais que traballan con colectivos de difícil inserción social e laboral. Destaca ”Curro Faenas. Orientólogos.com”, que é un CD-ROM interactivo no que orientadores escolares e ocupacionais poden atopar situacións imaxinarias con xoves desorientados, exemplos de documentos e información sobre recursos, entre outros.

Lembrar que o proxecto Sísifo, desenvolvido no marco da iniciativa comunitaria Emprego-Youthstart pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, tiña como principais obxectivos favorece-la integración no mercado de traballo dos rapaces de 16 a 20 anos, en especial daqueles que carecen de cualificacións básicas ou de formación, traballando activamente cos empresarios e cos distintos axentes sociais da cidade. Dos 800 rapaces que participaron nalgunha das actividades do SISIFO, un 35% acadou a súa inserción no mercado laboral ó remata-lo proxecto.