Escoitar

O Plan Local sobre Drogodependencias de Vigo únese á OMS con motivo do Día Mundial da saúde

O Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións de Vigo únese á OMS e ás numerosas organizacións na celebración do Día Mundial da saúde 2004, abogando pola prevención e promovendo estratexias adecuadas de prevención.

martes, 6 abr 2004
1081258785plsda.jpg
Debemos facer fincapé nos programas e políticas de prevención dos accidentes de tráfico integrando a seguridade vial nos programas de promoción da saúde e prevención das enfermidades, con estratexias para reduci-la velocidade e o consumo de alcohol e outras drogas, promove-lo uso de cascos, cinturóns de seguridade e outros dispositivos, e aumenta-la protección das persoas que camiñan ou van en bicicleta.

Debemos recabar de forma sistemática datos relacionados coa saúde sobre a magnitude, as características e as consecuencias dos accidentes de tráfico, e favorece-la investigación para mellora-lo coñecemento sobre os factores de risco, e o desenvolvemento, aplicación, e avaliación de medidas efectivas.

Debemos facer tamén unha chamada á función que lles corresponde ós gobernos á hora de crea-las condicións que favorezan a seguridade vial. É fundamental que os programas de prevención estean respaldados por un firme compromiso político, esixindo a aplicación de políticas e programas de seguridade vial debidamente financiados que periódicamente sexan obxecto de seguimento e avaliación.

Creemos que é urxente adoptar un enfoque multisectorial e unha maior participación cidadá en prol da seguridade vial.

Día Mundial da Saúde

A Organización Mundial da Saúde (OMS) declara Día Mundial da Saúde o 7 de abril. O tema que se aborda este ano no Día Mundial da Saúde 2004 é o da seguridade vial. Os accidentes de tráfico son unha plaga mundial que cada ano acaba coa vida de 1.2 millóns de homes, mulleres e nenos, quedando outros varios centenares de persoas feridas e algunhas discapacitadas permanentemente. Este día, en todo o mundo, centenares de organizacións levarán a cabo actividades para aumenta-la sensibilización acerca dos traumatismos causados polos accidentes de tráfico, as súas graves consecuencias e os enormes costos que supoñen para a sociedade. Con ocasión deste día presentarase públicamente o Informe mundial sobre prevención dos traumatismos causados polo tránsito, patrocinado conxuntamente pola OMS e o Banco Mundial, que conta coas aportacións de máis de 100 expertos en materia de saúde, transporte, educación, enxeñería, cumprimento da lei e sociedade civil de tódolos continentes. Presenta información pormenorizada sobre a magnitude, factores de risco e a prevención dos traumatismos por accidentes de tráfico e conclúe con recomendacións para que tódolos gobernos nacionais as sometan a estudio.
Outro destacado evento internacional, uns días máis tarde, será a celebración dun debate na Asamblea Xeral das Nacións Unidas sobre seguridade vial no mundo, sendo a primeira vez que se reúna para discutir sobre este tema.

O lema do Día Mundial da Saúde 2004," A seguridade vial non é accidental", resalta que mellora-la seguridade vial esixe o esforzo expreso dos gobernos e dos seus numerosos colaboradores. Dado que moitos dos riscos asociados ós accidentes de tráfico dependen totalmente de nós, a maiorías dos accidentes e traumatismos pódense previr, e polo tanto, non son de todo accidentais. Por outra banda, o costo da seguridade vial pode financiarse mediante o aforro derivado da prevención de accidentes e traumatismos.

O lema do Día Mundial da Saúde 2004 lémbranos que os seres humanos son moi eficaces á hora de resolver problemas cando se llo propoñen. Podemos sensibilizar á poboación e presionar para que se tomen medidas.


Vigo, 6 de abril de 2004
Descargar todas as imaxes