Escoitar

O Servicio Municipal de Patrimonio Histórico rescatará mañán unha columna de posible orixe romana da zona intermareal da praia de Carril en Alcabre

Tras o aviso recibido polo veciño da parroquia de Alcabre D. Xosé Antón Comesaña, o Servicio Municipal de Patrimonio Histórico realizará mañán, día 6 de abril, ó rescate do mar, na zona intermareal da praia do Carril, dunha columna pétrea cilíndrica de grandes dimensións, de orixe posiblemente romana, semellante a outra xa rescatada no mesmo lugar polo Concello hai agora un ano, tamén descuberta polo citado veciño. O rescate realizarase ás 11,20 horas, aproveitando a baixamar viva a esa hora.

luns, 5 abr 2004
A columna aparecida en 2003 foi calificada polos técnicos como de posible orixe romana e con probable asociación ó xacemento desta época histórica do Fiunchal. Este xacemento foi excava-do arqueoloxicamente de urxencia no ano 1995 con ocasión das obras de instalación do colector de marxe de ría. As excavacións deixaron ó descuberto os restos dunha factoría de salgadura, datable nos séculos III-VI despois de Cristo, e asociada posiblemente a unha villa romana. O xacemento foi protexido fisicamente e tapado para garantir a súa conservación.

A columna rescatada en 2003 tiña unhas medidas de 2,20 metros de altura por 60 cm de diáme-tro, aínda que posiblemente fose orixinalmente máis alta. Presentaba unha das caras cunha tosca decoración a base de incisións en diagonal en toda a súa lonxitude o que indica que posiblemente fose una columna asociada a un muro de grandes dimensións.
Destes achados deuse conta á Delegación Provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Gali-cia.


Documentación sobre o xacemento do Fiunchal-Alcabre-Vigo

No ano 1896, durante a construcción dunha fábrica de conservas propiedade de D. Daniel Rodrí-guez Valdés, foron localizados unha estela dedicada a Rufo, un mediano de bronce de Antonino Pío, ladrillos, muíños de man, carbóns, etc., que foron depositados no MUseo de Pontevedra. Os restos foron atopados na quinta de Funchales, na beira dun antigo e fondo camiño que baixa á praia. Os únicos camiños destas características serían o actual da praia da Fontoura e un que, segundo a cartografía antiga (plano de Vigo do ano 1959, folla nº 73) cruzaría polo actual predio do "Fiunchal".
O tipo de emprazamento, os achados actuais de fragmentos de tégula e os resultados obtidos na excavación arqueolóxica levada a cabo en 1995 -dirixida por Juan Carlos Castro- na que se loca-lizaron tres tanques de salgadura de planta rectangular, muros, etc., lévanos a falar da existencia, neste lugar dunha villa ou factoría de salgadura e dunha posible necrópole romana.
(extraído do libro Carballo Arceo, X.; Luaces Anca, J.; Toscano Novella, C. Arqueoloxía. Co-lección Catálogos do Patrimonio nº 2. Servicio de Patrimonio HIstórico do Concello de Vigo. Vigo, 1998.)
RO/

Vigo, 5 de abril de 2004