Escoitar
O director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, é o autor do texto

Bando da Reconquista

O texto do bando lerao o seu autor no decurso do acto oficial que organiza o Concello con motivo da Reconquista o sábado día 27, ás 20 horas, no centro cultural Caixanova. Durante o acto a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, entregara as distincións de Vigueses Distinguidos de 2004 ao Instituto de Estudios Vigueses, o Colexio San José de Cluny, María Eugenia Ayala González, Manuel Lago Martínez, Hortensia González Fernández,Juan González Pérez, Hipigal S.L. e Anxo González Ferreirae a medalla da cidade a ANFACO.

venres, 26 mar 2004
Texto do Bando da Reconquista

A celebración do aniversario da Reconquista invítannos a dedicar uns momentos á lembranza e á reflexión sobre aqueles sucesos que, por diversos motivos, recobran a vixencia que tiveron antano. Remontándonos ó feito histórico ocorrido a principios do século XIX, cando o 31 de xaneiro de 1809 chega ó barrio do areal o exército de Napoleón e toma Vigo, a última praza galega por conquistar, podemos imaxinar o sentir dos vigueses da época, cando aquel amargo acontecemento se estaba a desenvolver.

Por iso, a idea vital da Reconquista, onde se recordan e ensalzan a ilusión e a esperanza, a solidariedade e a unión dun pobo que quería vivir segundo as normas e dictados, en paz, faise máis forte e especial nestas datas, nas que unha terrible conmoción acabou coas vidas de moitos españois e salpicado cunha crueldade nunca antes imaxinable nos nosos corazóns.

Estamos orgullosos de que Vigo enteiro se solidarizara con Madrid, de forma inequívoca, ocupando as rúas máis céntricas cunha marea humana de vontades unidas en pro de rexeitar a barbarie e recuperar o respecto ineludible e imprescindible á vida e ás persoas. A cidadanía amosou unha vez máis aquel espírito da Reconquista, o sentimento dun pobo que ama a liberdade e a convivencia en paz.

Recordando aqueles días, temos que valorar os esforzos individuais e colectivos por levar a bo fin unha idea común, co seu traballo e o seu servicio a favor, en última instancia, da mellora das condicións de vida dos que lles rodean. Reciban a miña máis efusiva felicitación os vigueses distinguidos galardoados nesta efeméride. Eles son a constatación real e cercana de que todos debemos reconquistar cada día o compromiso con nós mesmos que, ó facermos mellores como persoas, contribúe tamén ó engrandecemento da cidade onde vivimos e interactuamos cos demais.

Aproveitamos tamén esta ocasión para render homenaxe a aqueles insignes personaxes que case douscentos anos despois seguimos recordando. Revitalicemos a capacidade de iniciativa do capitán don Bernardo González del valle "Cachamuíña", na noite do 27 de marzo; a determinación e xenerosidade daquel ancián mariñeiro do Berbés, apodado "Carolo", que intentou abrir a porta da esperanza; fagamos que estas virtudes sigan presentes no quefacer diario por mellorar e desenvolver as nosas empresas, os nosos barrios, a nosa cidade.

Recoñezamos que con confianza, sensibilidade e dedicación, desde todos os lugares e desde todos os postos de responsabilidade, podamos impulsar a acción social en beneficio da cidadanía. Retomemos a historia e xulguemos como se merece o papel, ás veces esquecido, do Alcalde Vázquez Varela, que naqueles momentos soubo aplicar sutís estratexias para conseguir, con intelixencia, organización, axilidade e eficacia resultados enormes na súa xestión. Os dirixentes de hoxe deberiamos ter sempre presentes estas cualidades para tratar de cultivalas e de imitalas.

Teñamos presente o valor de cada un daqueles labradores, artesáns, pescadores que deixaron a un lado os seus quefaceres para apoiar á comunidade, xa que todos podemos achegar o noso grande area para mellorar o futuro propio dos nosos e do resto dos cidadáns.

Sintamos as causas que fixeron que Vigo, trala Reconquista e polo seu papel na liberación do resto de Galicia, fose nomeada "cidade" cos títulos de "fiel, leal e valerosa".

Estamos a falar dun do feitos históricos que sucederon hai 195 anos, pero cun espírito que continúa vixente, porque subxacen nel valores éticos, solidarios e humanos transcendentais para construír un mundo mellor.

Invitémonos de novo á reflexión continuada. Constataremos que sempre é un momento ideal para unha reconquista, xa sexa de cariños, de amigos, de ideais, de tranquilidade, de compromiso, de tolerancia.

Viguesas e vigueses, concidadáns, que as nosas motivacións vaian polo camiño de conseguir en todo momento a consolidación dos inescusables principios dunha digna convivencia. e, como dicía San Agustín: "no necesario, unidade; no dubidoso, liberdade; e en todo, tolerancia" para iniciar cada día a nosa particular e plural Reconquista.