O Goberno municipal incrementa persoal e maquinaria no servizo de parques e xardíns
O alcalde informou este martes da posta en marcha do novo contrato de mantemento e conservación das zonas verdes da cidade que ten un orzamento anual de 12,2 millóns de euros.
Desde mediados do mes de xullo está operativo o novo contrato que permitirá reforzar o servizo cun “aumento de persoal moi importante que se vai notar de forma total” e cunha “renovación e aumento importantísimo na maquinaria coa modernización que significa para a conservación de todo o ámbito verde, parques, xardíns e flores que poñemos de forma continuada na cidade”, explicou Caballero.
Así, o servizo de atención ás zonas verdes medra en persoal xa que contará con 153 traballadores, cando ata agora eran 109. Do mesmo xeito, increméntase a maquinaria con múltiples melloras: haberá 5 camións de recollida -antes 2-, 45 vehículos eléctricos de transporte de persoal, de maquinaria e recollida de restos -antes eran 25-, 7 plataformas de poda – había 3-, 1 robot cortacéspedes autónomo – ata agora non había ningún-, 2 desbrozadoras teledirixidas – había unha-, 1 pick-up 4x4 con motobomba – antes non se dispoñía de ningunha-, 2 tractores de roza - había 1- e 9 tractores de sega – antes había 4-.
Cun importe anual de 12,2 millóns de euros, por un período de cinco anos, o contrato inclúe o mantemento de todas as zonas verdes da cidade: árbores, xardineiras, medianas, rotondas, grandes parques, parques forestais...