Escoitar

A banda do Rosal recibe ó recoñecemento do ARE-MORE

O concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves, entregou unha placa do Festival de Música Are More á Banda de Música do Rosal en recoñecemento ao traballo e traxectoria da devandita agrupación musical. José Vicente, director da banda, agradeceu ao Concello de Vigo a homenaxe e o labor que fai para potenciar a música tradicional.

mércores, 11 feb 2004
1076512431rosal1.jpg
A Agrupación Musical do Rosal ten as súas orixes nun grupo de gaitas formado por rapaces que, daría lugar, por parte dos pais dos mesmos, a constituí-la primeira Xunta directiva. Dirixida por Laureano Matos Barcia, a banda de música Agrupación Musical do Rosal presentouse ó público o 4 de maio de 1986. Dous anos despois, a banda é dirixida por Xosé Luís Represas Carrera ata 1990, data na que asume a dirección o valenciano José Vicente Simeó Máñez.

Desde 1989 organiza, con carácter anual, o "Festival de Músicos Xoves", no que participan tanto bandas de música da Comunidade Autónoma Galega como doutras partes do Estado Español e de Portugal. Nese mesmo ano inicia os Intercambios Culturais sendo o primeiro coa "Unió Musical de Museros" (Valencia).

En 1995 e 1996 logrou o primeiro premio no Certame de Bandas de Música Populares Galegas. A finais de 1999 participa no Festival de Bandas de Música de Ámbito Estatal que se celebra no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). Co gallo da "VI Asemblea da Confederación Española de Sociedades Musicais, representando ás Bandas Galegas onde estrea a obra "Suite Céltica", de Josep Vicent Egea, coa que obtén o 1º Premio de Composición organizada pola Federación Galega de Bandas de Música.

Na actualidade compoñen a Agrupación Musical do Rosal preto dun cento de músicos, algúns deles coa carreira musical rematada; pero tamén conta con outros 175 candidatos que se forman na Escola de Música creada pola banda rosaleira e incluída, en 1997, no Rexistro de Escolas de Música da Xunta de Galicia, e na que imparten ensinanza profesores de solfeo, metal e madeira.

No seo da Agrupación Musical do Rosal creouse o Grupo de Metais "Alfonso Ulloa" e o grupo "Brass Junior", así como a Banda da Escola de Música (que se presentou ó público en maio de 1994) e a Banda Infantil, nas que se incorporan os alumnos máis xoves da "Agrupación". Algúns dos seus compoñentes forman parte da Banda de Música Sinfónica de Galicia, son becados da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Xove Orquestra Nacional de España, así coma directores doutras bandas.

O 4 de xullo de 2003 consigue o 1º Premio no Certame Internacional de Bandas de Música de Valencia, celebrado na Praza de Touros interpretando, como peza libre, "O Camiño de Santiago" (con catro tempos I. Meditación e Peregrinaxe; II. Paisaxe e Lenda; III. Oración e milagre, IV Santiago e o Xubileo), escrito para a banda polo compositor valenciano Juan Gonzalo Gómez Deval, e como tema obrigado "Música para ventos e percusión", de Luis Blanes Arques.

Na actualidade, a banda, que comezou cuns trinta conpoñentes, conta con 120 membros. En 1993 edita o primeiro traballo discográfico o que seguirán os editados en 1996, 1998 e 2001.
1076512431rosal1.jpg
1076512468rosal2.jpg
Descargar todas as imaxes