Escoitar

Aprobadas as bases do concurso de comparsas do Entroido 2004<br />

A Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo convoca o tradicional concurso de comparsas que se realizará dentro do programa de actividades e espectáculos do Entroido 2004. Neste concurso poderán inscribirse todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 20 persoas.

martes, 3 feb 2004
1075817235comparsa.jpg
As solicitudes de inscrición poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en impreso normalizado para este fin ata as 13’30 horas do día 16 de febreiro. Todas aquelas solicitudes presentadas fóra deste prazo serán desestimadas calquera que sexa a causa do seu retraso. As bases estarán a disposición dos/as interesados/as na oficiña de Información situada na lonxa do Concello e na web municipal.

Premios

Os premios establecidos para o concurso de comparsas serán: 1º PREMIO: 2.400.-euros; 2º PREMIO: 1.800.-euros; 3º PREMIO: 1.200.-euros. PREMIO ESPECIAL: 600.- euros, á comparsa máis festeira, non acumulable ós premios citados anteriormente. 20 ACCÉSIT de 600.- euros, cada un deles, non acumulables ós tres primeiros premios.

PREMIO DO DESFILE DO "ENTERRO DO MECO": 750.- euros. Outorgaráselle á comparsa mellor caracterizada no desfile do día 25 de febreiro. Para poder optar a este premio, os/as integrantes da comparsa deberán vestir de loito rigoroso, entendendo por tal a utilización de prendas de cor negra ou morada na súa totalidade. En todo caso, será o xurado do concurso o único con capacidade para valorar este aspecto.

Os premios serán indivisibles e poderán quedar desertos algúns deles, sobre todo no caso dos accéssit, segundo a decisión do xurado do concurso. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente do xurado.

Os aboamentos dos premios serán tramitados pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural unha vez recibida a acta do xurado e estarán suxeitos á normativa fiscal que corresponda.

Desfile

O número da orde das comparsas inscritas no desfile asignarase mediante sorteo público, que se realizará o mércores, día 18 de febreiro ás 12'00 horas na Casa do Concello, sita na praza do Rei s/n. Co obxecto de facilitar a organización deste concurso, resulta conveniente que algún representante de cada comparsa inscrita acuda a este sorteo.

A concentración das comparsas inscritas farase na rúa Venezuela o sábado día 21 de febreiro ás 17'00 horas, para comezar o desfile ás 18'00 horas, e que se realizará polas seguintes rúas: Camelias – Álvaro Cunqueiro (marxe dereita) – Camelias – Praza de América, rematando diante do IMD.

As comparsas que se presenten unha vez pasada a hora de concentración (17'00 h) desfilarán en último lugar, se así o estima o persoal de organización.

As carrozas participantes no desfile de comparsas non poderán exceder das seguintes dimensións: Longo: 7'00 m ; Largo: 3'50 m ; alto: 4'00 m. En caso de que algunha das carrozas participantes incumpra algunha destas medidas quedarán excluídas directamente do desfile.

Así mesmo, o persoal de organización e o xurado do concurso quedan facultados para excluír do desfile ou cambiar o seu posto da orde a calquera elemento das comparsas que se considere perigoso ( animais de todo tipo, petardos, bengalas...), co obxecto de garanti-la seguridade dos demais participantes e do público asistente.

As comparsas inscritas deberán participar na comitiva do "Enterro do Meco" o día 25 de febreiro coa mesma orde de desfile. O horario de concentración neste caso será ás 18'30 horas, para comenzar o desfile ás 19'30 horas. O lugar de concentración e o percorrido do desfile do "Enterro do Meco" serán os mesmos cós do día 21.

A decisión do xurado farase pública mediante a lectura da acta ó remate do "Enterro do Meco", na Praza de América.
Descargar todas as imaxes