Escoitar

A cidade conta cun programa municipal pioneiro para incorporar vivendas en alugueiro a prezo asequible

O alcalde presentou este venres "ViveVigo", o I Programa Municipal de intermediación no mercado de alugueiro a prezo alcanzable para vivendas baleiras. A iniciativa fixa unha dobre garantía, tanto para o arredador, ao que se garante o cobro da renda e a recuperación do piso nas mesmas condicións nas que o alugou; como para o arrendatario, xa que, se a renda supera o 30% dos seus ingresos, a administración municipal achegará o resto do prezo.

venres, 13 mar 2026

Abel Caballero explicou hoxe que o programa municipal “ViveVigo”, que conta cunha dotación inicial de 700.000 euros, é o primeiro de Galicia destas características e ofrece unha dobre garantía para arrendadores e arrendatarios.

O proxecto municipal parte das 13.000 vivendas baleiras que existen na cidade, acordando con propietarios un prezo tasado para que os inmobles pasen a formar parte dunha a bolsa de alugueiro. “O Concello garante ao dono percibir o prezo acordado, alúguese ou non, e se devolverá nas mesmas condicións ao rematar a cesión de 5 anos”.

O rexedor recalcou que se trata dun programa de execución inmediata “de cortísimo prazo, moito máis rápido que construír vivendas novas que tarda anos”. Incidiu en que desde o momento da sinatura do contrato,  o Concello empeza a pagar as rendas concertadas.

Entre os obxectivos do programa “ViveVigo” atópase captar vivendas baleiras disponibles para aumentar a oferta dun prezo taxado e seguro; facilitar solucións residenciais a curto prazo para familias que terán que adicar como máximo o 30% dos seus ingresos ao pago do alugueiro, e reducir a presión e a alza de prezos do mercado. 

O Concello iniciará o proceso coa apertura do programa para que os propietarios depositen as vivendas, a modo de “banco de alugueiro”, ao tempo que abrirá un rexistro para que os interesados, que terán que ser de Vigo,  poidan anotarse. “Todo o mecanismo será transparente”, afirmou Caballero. 

 

Descargar todas as imaxes