Vigo acolle do 2 ao 11 de outubro a XI edición dos xogos europeos con 3.000 policías e bombeiros en competición
Abel Caballero presentou hoxe a XI edición dos xogos europeos de policías e bombeiros, “European Police & Fire Games”, que entre os días 2 e 11 de outubro reunirán en Vigo a 3.000 integrantes das forzas da orde e emerxencias de toda Europa.
O alcalde destacou este xoves, ante o comisario principal e a comisaria de Vigo do Corpo Nacional de Policía, Ramiro José Gómez e Miriam Rifai; o xefe da Policía Local, Alberto Carballo; o subjefe de bombeiros, Miguel Estévez, e os organizadores da competición José Carlos Baquero, Ricardo Tilve, Carlos Ferrer e Israel Lubiáns, a importancia de reunir en Vigo o próximo outono a profesionais de 40 países para participar en máis de 90 probas de 50 deportes.
“Trátase dunha gran mobilización que a vai converter a Vigo nunha especie de ONU deportiva”, recalcou o rexedor ao incidir a “honra” que significa para a cidade ser sede de dous eventos significativos como o desfile das Forzas Armadas que terá lugar o próximo 30 de maio, e a competición deportiva que contará coa presenza de miles de policías e bombeiros de toda Europa.
Caballero trasladou “todo o apoio” do Concello de Vigo a unha cita deportiva europea para a que o Concello facilita 300.000 euros.
O presidente dos xogos, José Carlos Baquero, agradeceu ao rexedor a acollida recibida para que Vigo sexa a sede da celebración do 20 aniversario da creación dunha competición que se celebra cada dous anos.