O prazo para solicitar as escolas infantís municipais estará aberto entre o 23 de marzo e o 10 de abril
Entre o luns 23 de marzo e o venres 10 de abril permanecerá operativo o período para solicitar unha praza nunha das nove escolas infantís municipais. Totalmente gratuítas para as familias, o Concello adica 2,8 millóns ao seu financiamento.
Abel Caballero anunciou esta mañá o inicio do prazo de solicitude das escolas infantís municipais. Desde o luns 23 de marzo ata o 10 de abril, estará operativo o período para novas matrículas, mentres que o prazo de renovación estenderase desde o 16 ao 20 de marzo.
O Concello adica ás escolas infantís 2,8 millóns e son totalmente gratuítas para os usuarios. Ademais da matrícula a custe 0, os centros educativos ofrecen de balde os servizos de comedor (con cociña propia), atención educativa e orientación cun equipo de atención temperá e cun gabinete psicopedagóxico.
Nestes momentos, son nove as escolas infantís en funcionamento: Santa Cristina-Lavadores; Atalaia-Teis; Praza da Industria ; Mestres Goldar-Castrelos; Navia; Tomás Alonso; Casiano Martínez-Bouzas; Costeira-Saiáns e Bembrive.