Escoitar

A Xunta confirma o informe favorable para a cesión das parcelas do Auditorio ao Concello

A alcaldesa Corina Porro mantivo hoxe unha xuntanza co conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo quen lle entregou a rexedora viguesa un modelo de convenio que propón a financiamento da Xunta de Galicia, a Zona Franca e o Concello, no que se invitará a Caixanova, para a rehabilitación do Casco Vello de Vigo.

martes, 20 xan 2004
1074611439Dsc00008.jpg
Momento da rolda de prensa
O conselleiro confirmou ademais a cesión das parcelas do futuro Auditorio por parte de Portos do Estado ao Concello de Vigo e a prioridade de presentar á consellería o Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademais de dar un repaso ós investimentos que Política Territorial está a desenvolver en Vigo.

Centro sociocultural o Pedregal en Valadares

O conselleiro de Política Territorial e a alcaldesa de Vigo asistiron o inicio das obras de construcción do Centro Sociocultural O Pedregal, na parroquia viguesa de Valadares, por importe de 1.550.611 euros e un prazo de execución de quince meses, o que supón que estará rematado no primeiro trimestre de 2005.

O financiamento da actuación realizarao na súa totalidade Política Territorial. Ó Concello de Vigo correspondeulle a redacción do proxecto e, xunto coa Comunidade de Montes da parroquia, a aportación dos terreos necesarios para a execución das obras. O departamento autonómico realizou a contratación, dirección de obra e encargarase da súa execución.

Pola súa banda, o Centro Veciñal e Cultural de Valadares asumirá a xestión e administración funcional do edificio unha vez que o mesmo estea rematado e entregado, para o uso público, ó Concello de Vigo.

O centro estará composto por dúas plantas. Na planta baixa situarase a zona do auditorio, cunha capacidade para 280 prazas, así como o vestíbulo de acceso, unha cafetería e o club xuvenil. A planta primeira estará ocupada pola zona de administración e cursos e contará con aulas de formación, informática, son e unha biblioteca. O edificio terá unha superficie construída de 2.104 metros cadrados, dos que 1.504 corresponden á planta baixa e 600 á primeira.

A estructura do edificio será de formigón armado, con carpintería exterior de aluminio anodizado gris e acristalamento tipo climalit. A carpintería interior será de madeira con elementos chapados e o pavimento de terrazo.
Descargar todas as imaxes