venres, 23 xaneiro 2004

Vigo participará na feira internacional de turismo Fitur<br />

A Concellería de Turismo de Vigo, que dirixe Lucía Molares, estará presente dende o 28 de xaneiro ó 1 de febreiro na XXIV edición da feira FITUR, que se celebrará en Madrid. Turismo de Vigo instalará un stand, no que as informadoras turísticas da Concellería atenderán as consultas realizadas polos profesionais e o público que visiten a feira, promocionando a cidade de Vigo como destino turístico.

A colección Fotográfica do Concello de Vigo exponse no Marco

venres, 23 xan 2004

O Museo de Arte Contemporánea acolle dende hoxe e ata o 14 de marzo a exposición titulada "O Feito Fotográfico" que é un achegamento á actividade fotográfica desenvolvida na cidade de Vigo no período 1984-2000, a través da Fotobienal e das programacións da Sala dos Peiraos (1985-1991) e da Casa das Artes (1991-1992), organizadas polo Concello de Vigo en colaboración co Centro de Estudos Fotográficos, e comisariadas por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

O Compás inicia unha nova fase de formación para persoas emprendedoras

venres, 23 xan 2004

O vindeiro martes 27 de xaneiro, o Proxecto Compás inicia un novo ciclo de formación cun seminario e un simulador empresarial, dirixidos a persoas emprendedoras interesadas en deseñar e executar o seu propio plan de negocio. A Confederación de Empresarios de Pontevedra, un dos socios do Proxecto Compás, será a encargada de desenvolvelos.