Vigo nomea Vigueses Distinguidos a Gerardo Fernández Costa “Gerardiño” e a José Manuel Nogueira Rey
Abel Caballero destacou a súa contribución á inclusión social a través do deporte e á preservación da cultura tradicional galega.
O alcaldea nunciou que o Concello distinguirá como Vigueses Distinguidos a Gerardo Fernández Costa “Gerardiño”, a título póstumo, e a José Manuel Nogueira Rey, en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias persoais e ao seu compromiso coa cidade.
Gerardo Fernández Costa (Vigo, 1978–2025), coñecido como “Gerardiño”, será recoñecido a título póstumo polo seu papel como motor e cofundador do proxecto DisCamino. Persoa sordocega de nacemento, Gerardo superou as barreiras da súa propia discapacidade para implicarse activamente nun proxecto que hoxe é referente internacional na inclusión a través do deporte. DisCamino permitiu que centos de persoas con discapacidade participen en rutas e peregrinacións mediante triciclos tándem adaptados. Ao longo de múltiples rutas por España e Europa, Gerardo levou o nome de Vigo por diferentes territorios, contribuíndo a visibilizar a sordocegueira e a promover unha sociedade máis accesible e inclusiva.
Tamén será Vigués Distinguido José Manuel Nogueira Rey (Cabral, 1946), profesor, coreógrafo, músico e dinamizador cultural que leva case sete décadas dedicado á defensa e promoción da música e do baile tradicional galego na cidade.
Nogueira iniciou a súa traxectoria en 1963 na Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas e desde entón converteu o folclore nunha forma de vida. Desenvolveu unha intensa actividade na Asociación Cultural O Coto, onde é presidente e impulsor de numerosos proxectos formativos e musicais.
Como creador e director do grupo Airiños do Coto, formou a centos de mozos e mozas ao longo das últimas décadas, contribuíndo a preservar e transmitir o patrimonio cultural galego ás novas xeracións.