O Concello e a Universidade de Vigo compilan a toponimia de Matamá
“Toponimia do Val de Fragoso – Matamá” é o décimo volume da colección que editan ámbalas institucións recollendo os nomes dos lugares das diferentes parroquias co fin de preservar ese patrimonio inmaterial, sinal da nosa identidade.
O alcalde xunto a Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e Marcos Alonso, que realizou o traballo de campo e documentación histórica presentaron o novo libro da colección que asinan tamén Gonzalo Navaza e Arancha Luna. Estiveron no acto Eva Castro e Cristina Rodríguez, da área de Normalización Lingüística da Uvigo.
“Toponimia do Val do Fragoso – Matamá” é o décimo volume da colección que publican o Concello e a Universidade desde 2008 co fin de coñecer e localizar os topónimos propios da nosa cidade porque son un sinal da nosa identidade, que recollen ese patrimonio cultural inmaterial que cómpre preservar.
Abel Caballero explicou que “recuperar a toponimia é unha parte importante da cidade e tan importante para a autoidentificación como unha urbe. Queremos e temos gran empeño en recuperala na súa totalidade, non soamente nos libros senón no uso”.
Marcos Alonso, o responsable do traballo de campo da publicación, explicou que estivo recollendo topónimos pola parroquia de Matamá e, posteriormente, investigou en documentos antigos, especialmente en protocolos notariais desde o século XVI ao XIX, e lamentou as consecuencias da presión urbanística sobre a área rural que, nalgúns casos, provoca a perda dos topónimos tradicionais. Amais, recoñeceu o traballo de Marta Souto, quen fora responsable do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, e impulsora deste proxecto.
Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, puxo en valor a colaboración entre Concello e Universidade para conseguir manter a “longa traxectoria iniciada hai moitos anos que continúa” para editar este “libro rigoroso” e destacou o traballo de recollida que evita a perda dos topónimos.
O primeiro libro publicouse no ano 2008 compilando a toponimia de Coia e, dende entón, foron Lavadores, Beade, Freixeiro e Sárdoma, Comesaña, Bembrive, Candeán, Valadares e Teis, con novas parroquias en marcha.
No marco deste proxecto, o Concello ten en marcha a web toponimia.vigo.org con recurso docentes e un mapa para consultar os topónimos de Vigo.
As persoas interesadas poden solicitar un exemplar do libro na área de Normalización Lingüística do Concello.