Abel Caballero: “Vigo está no mapa como antes nunca na historia”
O alcalde cualifica 2025 como “o mellor ano da historia de Vigo”, marcado pola débeda cero e un orzamento récord aprobado en tempo e forma para 2026. Centos de millóns de euros en investimentos en humanizacións e Vigo Vertical, a posta en marcha do Plan de Vivenda Municipal e o auxe do turismo a través de grandes eventos e a cultura marcan a senda do goberno local neste ano.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, realizou hoxe un balance económico e de xestión do ano 2025, cualificándoo como o mellor ano na historia da cidade en todos os ámbitos. Segundo o rexedor, a cidade vive unha marcha da economía excepcional, con avances notables na creación de emprego, as humanizacións, o medio ambiente e a construción do Vigo vertical.
O dato máis significativo do exercicio foi a aprobación do 19º orzamento consecutivo en 18 anos, un logro que Caballero destacou como algo que "moi poquiñas cidades no mundo son capaces de dicir". Estas novas contas contan con 426 millóns de euros de recursos propios, o que supón case duplicar os 231 millóns de euros que se manexaban no ano 2008. Tamén destacou o mantemento das arcas municipais saneadas, con débeda cero desde o ano 2012. Outro dato que Caballero puxo en valor foi que Vigo ten a presión fiscal máis baixa das cidade de Galicia e que o pago a provedores sitúase entre os 4 e os 6 días.
Novo PXOM e vivenda pública e Infraestruturas
Caballero definiu o PXOM como “a ferramenta clave para transformar a cidade nun modelo verde, dotacional e absolutamente libre de especulación”. O rexedor subliñou que o novo PXOM contempla un total de 51.400 vivendas, das cales máis de 14.000 contarán con algún tipo de protección. O obxectivo principal é ofrecer prezos asequibles para a clase media e, especialmente, para a xente nova, atendendo ás 7.000 peticións de alugueiro social rexistradas na cidade.
Como gran novidade deste exercicio, Caballero destacou a creación da empresa pública de vivenda do Concello, que xa ten en marcha proxectos estratéxicos: Santa Cristina: Desenvolvemento de máis de 200 vivendas protexidas; 2,5 millóns de euros para mercar vivendas destinadas ao alugueiro; e un edificio para 27 vivendas de alugueiro a prezo taxado. Ademais, formalizouse coa universidade o Observatorio de Vivenda para realizar un seguimento próximo da situación do mercado na cidade
O alcalde puxo en valor a aposta por un "Vigo verde", incrementando os espazos naturais nas zonas onde habita a maioría da xente. Un exemplo central é o corredor do Lagares, que se está a converter nunha gran zona verde accesible, con obras a piques de rematar no tramo de Miraflores.
En canto as dotacións, o Concello xa ten avanzada a tramitación das novas escolas de música de Bembrive e Oia, a ampliación do CRAC de Coruxo e os accesos ao Párroco Don Camilo. Tamén no PXOM se prevén novos pavillóns en Beade, Bembrive e Coruxo. O alcalde tamén deu conta da aprobación definitiva do Plan para a Biblioteca do Estado, a disposición do Goberno de España para licitar a obra.
En canto ás infraestruturas, Caballero anunciou avances no protocolo para a humanización da AP-9. Así mesmo, destacou o inicio das obras no Barrio do Cura e as rehabilitacións en barrios como o Casco Vello, Bouzas, Coia, Teis e moitos outros.
Caballero subliñou que o Goberno de España está a cumprir coas demandas históricas da cidade para poñer fin ao seu illamento. Entre os fitos máis relevantes, destacou que o AVE Vigo-Madrid directo por Cerdedo xa está en marcha, superando a obriga de pasar por Santiago que fora imposta en etapas anteriores. Así mesmo, salientou os avances na saída sur ferroviaria de alta velocidade cara a Portugal
En canto ás comunicacións por estrada, o alcalde celebrou o compromiso de construír a autovía en túnel ata Porriño, cun investimento de 400 millóns de euros. Esta obra cualificouse de vital para a seguridade, ao evitar a "trampa mortal" que supón a actual A-55 para unha cidade que, ata o de agora, era a única de España sen unha autovía de acceso moderna
O alcalde destacou como gran fito a creación da fábrica de microchips de fotóns na Zona Franca, á que definiu como o "Stellantis do futuro" dentro de 10 ou 15 anos. Tamén celebrou o crecemento de Indra na cidade, a consolidación de Conxemar coa ampliación do IFEVI que pagará a Zona Franca de Vigo. Tamén puxo en valor o pulo dos PERTE para a economía da cidade.
Fomento
Abel Caballero afirmou que “seguramente o resumo do ano 2025 en Fomento é do máis importante que se fixo nunca en Vigo”. No Vigo Vertical “fixemos o ascensor de Romil con Hispanidade. Estamos co ascensor de Juan Ramón Jiménez e Marqués de Valterra. Coas ramplas en Ramón Nieto dende Gandarón e Severino Cobas ata Ramón Nieto. As ramplas do Pintor Colmeiro moi avanzadas, as ramplas de Pintor Lugrís practicamente acabadas, as ramplas de Serafín Avendaño xa lanzadas no proxecto e no orzamento. As ramplas do Paseo Granada avanzadísimas”. Engadiu que as ramplas da Gran Vía con todo o proxecto lanzado dende a Praza de América ata a Praza de España, “paradas pola Xunta de Galicia, que non quere deixar que as fagamos”.
E despois seguimos coas humanizacións, a Avenida de Madrid, 17 millóns de euros, destacando que “a gran entrada a cidade en marcha”. No apartado de asfaltados e humanizacións no rural, Caballero sinalou que son 372 rúas programadas que totalizan 145 quilómetros. Tamén destacou a humanización da avenida de Castelao e o cambio extraordinario da avenida de Samil, que “é o nunca visto, como recuperamos as dunas da praia”. Tamén relatou outras humanizacións executadas como a rúa Teixugueiras, a Praza do Balado, a nova praza “diante de Balaídos toda humanizada” e a rúa Pablo Iglesias entre outras.
Turismo
“Vigo é unha das grandes cidades turísticas de España e isto foi o Nadal”, sinalou o alcalde, que o ano pasado trouxo á cidade 6.600.000 persoas/día. “Somos o Nadal de España e temos un fluxo turístico tan importante que todas as cidades queren competir con nós” augurando que neste 2025 a cidade recibirá máis visitantes. Ao Nadal súmase O Marisquiño, os concertos de Castrelos ou a Reconquista como atractivos turísticos, piares que contribúen a que o nivel de ocupación hoteleira acade unha media anual do 80%, “o que supón centos de millóns de euros para a cidade, emprego e actividade para comercio e hostalería. O turismo é unha industria dunha enorme estabilidade, que permanece sempre, e que neste momento está en incremento en todo o mundo”.
Referiuse tamén Caballero ao efecto turístico vigués, que “non só enche a cidade, senón que enche hoteis en Santiago e Ourense. Este ano, o Goberno municipal avanzou no plan de sostibilidade de Bouzas e a candidatura de Cíes como Xeoparque Mundial da UNESCO e continuou o seu labor a Vigo Film Office, co que a cidade se situou como un espazo constante de rodaxe con 320 días de gravacións en 2025.
En canto ao turismo de congresos, xa hai pechados eventos para o ano 2027 coa asistencia de 4.000 persoas que elixen a cidade. “Son recursos inxentes para a economía local” e os beneficios do turismo esténdense a toda a cidade, xerando entre 4.000 e 5.000 empregos. Complementariamente, a cidade ofrece 4.000 prazas en campamentos de verán, actividades en Vigosónico, o Vigo Dance Festival e cinco ludotecas municipais (Casa da Xuventude, Coia, Crac de Coruxo, Lavadores e Apamp).
Abel Caballero estableceu que este 2025 a cidade tivo “un reconto brillantísimo nos grandes eventos, porque os grandes eventos de Vigo, moitos deles, son grandes eventos en toda España”. O alcalde aproveitou para destacar que os concertos de Castrelos son gratuítos e o importante papel que xoga un festival como o Marisquiño. Este ano celebrouse “por primeira vez na historia o día da Policía Nacional en Vigo e o próximo mes de maio celebrarase por primeira vez na historia o Día das Forzas Armadas de España en Vigo con participación do Exército de Terra, participación do Exército do Aire e participación da Armada”
Tamén neste apartado explicou que todas as festas que se fan en Vigo, practicamente un medio cento, “son financiadas dende o Concello e multiplicámoslles por tres o orzamento no ano 2025”. Estes grandes eventos únense a eventos deportivos que desenvolve o ente local, que exemplificouno na Vigo Cup, “o evento deportivo de fútbol base máis importante de España”.
Emprego
“Vigo ten neste momento o maior emprego que tivo nunca na súa historia. No ano 2025 batéronse récords de emprego e unha parte moi importante ten que ver co Concello de Vigo, coa economía de España e coa economía da cidade, na que o goberno local foi clave”. Así resume o alcalde o 2025 na área de Emprego, onde sitúa o Nadal e o turismo como clave na xeración de emprego, tamén coas obras do Concello, co apoio que se lles dá ás empresas e a través do plan de emprego municipal, co apoio ás comunidades de montes para a súa limpeza, aos clubs deportivos e, no ámbito da política social, o programa de coidadores de barrio e o Vigo Emprende, que son xeración directa de emprego.
O Concello, apuntou, está presente en todas as frontes económicas: nas feiras industriais, no Mindtech (MTtec), en Navalia, en Conxemar e no foro da universidade. “O Concello de Vigo e o Goberno de España foron os grandes artífices para conseguir os PERTE”.
Cultura e Patrimonio
“En Vigo está habendo unha gran revolución no ámbito da cultura” sinala o rexedor, resaltando “de forma singular a exposición do centenario do Pazo de Castrelos e Vigocultura segue batendo récords”. Fixo fincapé en que “a programación do auditorio Mar de Vigo, imprescindible na cidade, está subvencionada dende o Concello”.
Os museos están “tendo máis visitas que nunca”, financiados na súa totalidade polo Concello de Vigo, ao que se lle adica 3,2 millóns de euros. “En Vigo Tamén temos unha riqueza cultural importantísima na música”, con nove bandas de música e coenta corais subvencionadas exclusivamente polo Concello con medio millón de euros. Tamén quixo destacar os papeis das orquestras e de actividades como o Maratón Fotográfico. “Medio millón de euros en medianeiras, outra vez no ano 2025 xogando un papel tan importante” e agora “estamos coa gran transformación do barrio do Rocío que xa presentamos, e coa gran transformación do barrio de Ribadavia que se está facendo e se fixo este ano e continuará o que vén”.
Deporte
Do balance anual da área de deportes destaca o alcalde o “crecemento exponencial” que está experimentando. O goberno local ofrece apoio e axudas a máis de 250 entidades deportivas e a máis de 300 eventos, un apoio que se estende tódolos niveis: desde os clubs de elite e de base ata os de afeccionados. Ademais, destínase medio millón de euros para que máis de 5.000 nenos e nenas poidan iniciarse na actividade deportiva a través das escolas municipais e finánciase integramente O Marisquiño con 1.142.000 euros.
Tal e como explicou, o Concello subvencionou eventos deportivos e destinou 640.000 € para o deporte de elite e deportistas de alto nivel. As piscinas de Vigo tiveron unha dedicación de 3,5 millóns de euros e o circuíto Run Run Vigo e o programa de cross escolar sumaron centos de participantes.
En canto ás infraestruturas, o Goberno municipal está traballando na Grada de Gol (26 millóns de euros), na nova piscina de Teis (7 millóns de euros) e instalou novas cubertas nos pavillóns da Pista Vermella, no Frontón, en Coruxo, nas Travesas e en Bouzas. Amais, está prevista a reforma integral do campo de fútbol de Samil, o peche das pistas de tenis, a nova iluminación da ETEA e o campo de herba en Castrelos. En marcha están tamén os novos pavimentos nos pavillóns de Bembrive e Lavadores e o muro perimetral no campo de Sárdoma-Moledo.
O goberno municipal acometeu a mellora das pistas de atletismo de Balaídos e ten en marcha a construción de nove vestiarios por valor de 8,5 millóns de euros en Monte da Mina, San Andrés de Comesaña, A Guía, Santa Mariña, Carballal, Candeán, Meixoeiro, Relfas-Sárdoma. No campo de Bouzas están rematados os vestiarios e a piques de rematar a cuberta do campo. O investimento en instalacións deportivas supera os 2,5 millóns de euros.
En canto ao estadio municipal de Balaídos, “o emblema do deporte” da cidade, dixo Caballero que “estamos construíndo un campo novo e queremos que sexa sede do Mundial. Temos programados 65 millóns de euros para a grada de Tribuna.
Política Social
O alcalde destacou a atención prestada polo Concello de Vigo a 1.134 persoas a través do Servizo de Axuda no Hogar, que conta cun orzamento de case 15 millóns de euros para 2026, dos que Vigo achega a metade con 7 millóns. Ademais, a Telasistencia municipal gratuíta atendeu este ano a 891 persoas. A Política Social do Concello tamén deu resposta as necesidades das familias con 2,2 millóns de euros para bolsas de libros e de comedor. Caballero destacou as axudas de emerxencia, que deron apoio a 3.548 persoas por un importe superior ao millón de euros. Ademais, que o Concello destinou 500.000 euros aos comedores sociais da cidade.
Entre as novidades de 2025 atópase Vigo Social TV, que ha conlevar a instalación de televisións intelixentes en 350 fogares para atender ás persoas maiores.
No primeiro ano de funcionamento do Centro de Formación de Rúa Alta impartíronse cursos nos que participaron 350 persoas.
O rexedor puxo en valor a elevada participación que rexistran os programas para maiores que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano, coa presenza de 7.800 persoas, así como a repercusión da iniciativa “Bailes en Vigo”.
A través do programa de inserción laboral “Coidadores de Barrio”, dotado con 610.896 euros de orzamento, a administración municipal atendeu as necesidades de 300 persoas.
Educación
Abel Caballero apuntou a transcendencia do programa educativo “Vigo en Inglés”, con 3,5 millóns de euros, que facilita a aprendizaxe do idioma con beca a máis de 1.000 alumnos. Lembrou que as nove escolas infantís do Concello contan cun investimento de 2,4 millóns de euros e que ao cofinanciamento dos centros da Xunta, nas rúas Palencia e Hernán Cortés, destina 205.500 euros.
As cinco escolas municipais de estudos non regrados, Artes e Oficios, Música, Teatro, Danza e Música Tradicional, con máis de 1.600 alumnos, conlevan un investimento de 2,4 millóns de euros. Ademais, o Concello destina 225.000 euros ás titorías e profesorado da UNED; 110.000 euros á Bilblioteca Mar de Vigo; 345.000 euros á Biblioteca Neira Vilas; 47.528 eueros á Biblioteca de Navia.
Ao longo do curso escolar 1.400 nenas e nenos de 32 colexios participan no programa da Reconquistiña. Entre as obras en colexios destacan: a cubrición do patio do colexio Celso Emilio Ferreiro, con 755.000 euros: o muro contención CEIP Igrexa Valadares, con 221.000 euros o muro CEIP Valle Inclán, con 195.000 euros; a cubrición do patio do colexio Lope de Vega, con 1.095.000 euros; as cubertas dos edificios anexos do Chans Bembrive, con 500.000 euros; a mellora do peche da parcela CEIP Mestres Goldar, con 175.000 euros e o acceso ao colexio Párroco don Camilo.
Medio Ambiente
Neste ámbito, ao alcalde destacou a transformación de Vigo nunha cidade referente e "campioa do medio ambiente" a través da a xestión da auga e biodiversidade, o peche do ciclo da auga integrando a potabilizadora e a depuradora. Ademais, sinalou que procedeuse ao peche do antigo zoo, onde animais salvaxes como tigres, leóns e osos vivían en espazos reducidos, transformándoo nun centro de recuperación e educación ambiental chamado "Vigo Nature", destinado a campamentos xuvenís.
Na recuperación do litoral realizáronse traballos de recuperación nas dunas de Samil e do Vao, así como na pasarela do Vao e a praia do Baluarte. Nos programas e espazos verdes o rexedor puxo en valor a iniciativa "Camiño a Camiño", a creación de hortas urbanas e a humanización das rúas como unha estratexia ambiental . Recordou que tamén están en marcha proxectos no parque canino e o de Barreiro.
Caballero destacou os 25 millóns de euros en parques e xardíns, e que o parque Camilo José Cela xa está reformado, así como o de Miranaia. Indicou que xa se está a traballar no macroparque de Finca Matías. Tamén se inclúen novos parques de calistenia en Teixugueiras, Jacinto Benavente e Teixugueiras.
Apoio á cidade
Caballero afirmou que "todo o apoio ao asociacionismo de Vigo parte do Concello de Vigo. Outro dos fitos foi o avance “moi importante” no servizo 010. “O 010 pagábase. Este ano puxémolo gratuíto”, sinalou o alcalde.
O rexedor recordou a actuación potenciando os centros municipais de distrito, en Teis, Casco Vello, Bouzas, Coruxo e Saiáns. “Para que? Pois para que a xente poida facer as súas xestións desde estes lugares. Pero todas as asociacións de veciños, todas estas que din que non apoiamos, todas son apoiadas polo Concello, exclusivamente polo Concello. E ademais apoiámolas nas súas accións, nas súas actuacións e nos seus festivais", remarcou.
O rexedor concluíu afirmando que a cidade está a vivir unha fase de crecemento económico e atención social sen precedentes, situándose como un referente internacional. Con todo, O alcalde cualifica 2025 como “o mellor ano da historia de Vigo”.