Escoitar

O Goberno local licita o servizo de transporte urbano por 195,9 millóns de euros para os próximos 9 anos

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a licitación do transporte público urbano de viaxeiros para os próximos nove anos, coa posibilidade dun ano máis de prórroga, cun presuposto medio anual de 21,6 millóns de euros.

luns, 29 dec 2025

“Un contrato para unha gran mellora do transporte urbano na cidade”, avanzou o rexedor ao detallar algúns dos termos da licitación do servizo para o período 2026-2034 por un importe de 195,9 millóns de euros, 21,6 millóns de media por ano. Amais, o conxunto do contrato coas tarifas aboadas polas persoas usuarias elévase a 468,6 millóns de euros. A previsión municipal é que entre en vigor no segundo semestre de 2026.

Tal e como explicou Abel Caballero, trátase dun contrato de servizos, que supoñen unha prestación directa a favor da cidadanía, cun novo modelo que garante todas as condicións para desenvolver unha contorna de xestión dirixida directamente desde o Concello, a través dun xestor especializado. O obxectivo do novo contrato centra é atender de forma prioritaria a demanda cidadá, mellorando a eficiencia e a cobertura de toda a cidade.

O contrato do transporte público urbano de viaxeiros inclúe un investimento de case 70 millóns de euros: a renovación de 55 vehículos (41 eléctricos e 14 híbridos enchufables), a reforma integral das cocheiras para a súa electrificación, a incorporación de novas tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou o Big Data para a xestión e para mellorar a oferta e demanda e satisfacer ao usuario, así como a potenciación das posibilidades de xestión a través da PassVigo.

O alcalde apuntou que o Concello aprobará unha ordenanza que determinará as tarifas para o uso do servizo do transporte urbano, contemplando a diversidade dos perfís da tarxeta PassVigo, e debe incluír tamén a xestión do servizo do bus turístico.

“En Vigo os últimos anos levamos adiante unha transformación urbana sen precedentes con grandes humanizacións e o Vigo Vertical con ramplas, ascensores e escaleiras mecánicas que establecen un novo escenario de mobilidade urbana”.

Así, conclúe Caballero, o novo servizo de bus urbano avanzará cara a un “modelo dinámico, centrado na demanda da cidadanía, coa incorporación de novas tecnoloxías e coa capacidade de garantir a transición cara á sostibilidade ambiental coa renovación da frota”.

 

Descargar todas as imaxes